A mostra Pontevedra e América. Unha mirada en feminino chega a Redondela

Unha mirada en feminino. / Mundiario
Unha mirada en feminino. / Mundiario
Esta mostra inaugurouse en Pontevedra e continuou por Silleda, Cerdedo-Cotobade, Vila de Cruces, O Grove, Vilagarcía, Soutomaior e Redondela.
A mostra Pontevedra e América. Unha mirada en feminino chega a Redondela

Pontevedra e América. Unha mirada en feminino, a mostra itinerante da Cátedra Iberoamericana da Universidade de Santiago (USC) e da Deputación de Pontevedra para por en valor a historia de 13 mulleres da inmigración, chegou ao Multiusos de A Xunqueira de Redondela (Pontevedra) e foi inaugurada pola alcaldesa Digna Rivas e a deputada Olga García.

O acto de apertura incluíu unha conferencia conducida por Lara Graña para render homenaxe a Isabel Gómez Costas.

A presentación estivo a cargo de María Cadaval Sampedro, directora da Cátedra Iberoamericana da USC, e María Xosé Rodríguez Galdo, catedrática emérita de Historia e Institucións Económicas da USC. 

A mostra, que se poderá visitar no Multiusos de A Xunqueira ata o 28 de novembro, presenta a historia de Isabel Gómez Costas, viúva do médico e político redondelán Telmo Bernárdez Santomé e nai de catro fillas e cinco fillos.

A dor pola violenta morte do seu home, fusilado na Caeira no outono de 1936, súmase a prisión dos seus fillos máis vellos e a fuxida da súa filla Isabel. A familia de Isabel Gómez Costas estivo moi perseguida en todo momento, privada de bens e da casa familiar que lles foran incautados polas autoridades rebeldes. Estas circunstancias imporanlle un duro periplo que a levará, con catro fillas e dous fillos, de Redondela a Oporto, Burdeos e París.

Na capital francesa a familia residiu preto de dous anos ata que a entrada dos nazis en París lles urxa a buscar a pasaxe para marchares a México.

María Cadaval, Lara Graña e María Xosé Rodríguez Galdo. / L.G.
María Cadaval, Lara Graña e María Xosé Rodríguez Galdo. / L.G.

Isabel Gómez vive máis de trinta anos en México, pero pouco se sabe da súa vida no país agás as testemuñas familiares da súa continua preocupación por sacar á familia adiante e facilitarlles o acceso a estudos superiores. Para conseguilo chego a converter a súa casa nun obradoiro téxtil no que traballaban as súas fillas, así como moitas mulleres republicanas de toda condición social.

A mostra Pontevedra e América. Unha mirada en feminino inaugurouse en Pontevedra e continuou por Silleda, Cerdedo-Cotobade, Vila de Cruces, O Grove, Vilagarcía, Soutomaior e Redondela, onde se organizaron conferencias para coñecer ás figuras femininas emigradas ou nadas na emigración que tiveron relación con cada localidade. @mundiario

Comentarios