A Cátedra Iberoamericana fará visible a mirada feminina da emigración

María X. Rodríguez Galdo, Carmela Silva, María Cadaval y Antonio López. / Mundiario
María X. Rodríguez Galdo, Carmela Silva, María Cadaval e Antonio López. / Mundiario
Unha publicación dixital, unha mostra fotográfica e un programa de mentoring integrarán o proxecto Pontevedra en América: unha mirada en feminino.
A Cátedra Iberoamericana fará visible a mirada feminina da emigración

O proxecto Pontevedra en América: unha mirada en feminino quere rescatar a experiencia e a mirada feminina da emigración. O convenio que USC e Deputación de Pontevedra asinaron este mércores permitirá “devolver ás mulleres o lugar e o rol protagonista que lles corresponde nesta andaina” grazas a un programa de accións que desenvolverá a Cátedra Iberoamericana e que consta dunha publicación dixital, unha mostra fotográfica e un programa de mentoring. No acto de sinatura, tomaron parte o reitor da USC, Antonio López; a presidenta da Deputación, Carmela Silva; a directora da Cátedra, María Cadaval, e a súa coordinadora de publicacións, María Xosé Rodríguez Galdo.  

A través da web da Cátedra poderá accederse á recompilación histórica dunha ducia de mulleres, cuxa vida por diversos avatares se desenvolve a un lado e outro do Atlántico e que deixaron e están a deixar unha pegada aínda hoxe non recoñecida nin posta en valor. Asemade, coas fotografías máis representativas da diáspora, acompañadas dunha explicación histórica en material audiovisual que evidencia o por que da súa representatividade, levarase a cabo unha exposición baixo o mesmo lema do proxecto Pontevedra en América: unha mirada en feminino.

Finalmente, o programa de mentoring que se desenvolverá ao abeiro deste convenio, constará de tres fases. A primeira fase será de selección e toma de contacto cos mentee que cheguen á provincia e demanden o programa a través da Deputación, co obxecto de definir as expectativas e a busca do ou da referente máis axeitada. A segunda fase constará do desenvolvemento e seguimento do traballo; mentres que a terceira, permitirá levar a cabo a avaliación de resultados en base aos obxectivos previstos e as posibles vías de colaboración futura.  O horizonte que se persegue con esta acción é que “os que queiran regresar teñan un certo respaldo”, tal e como puxo de manifesto a directora da Cátedra, María Cadaval, no acto de sinatura do convenio. María Xosé Rodríguez Galdo, coordinadora de Publicacións da Cátedra, acompañou á profesora Cadaval no transcurso da sesión.

O reitor Antonio López quixo destacar que unha das principais metas da Universidade é “poñer o coñecemento a disposición da sociedade”. Neste senso, o proxecto da Cátedra Iberoamericana “pretende ser esa ponte que une dous ámbitos nos que temos unha condición privilexiada como punto natural de encontro”. Pola súa parte, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, quixo felicitar á USC pola existencia dunha cátedra institucional que mire cara a Iberoamérica. “Non se pode entender Galicia sen a emigración”, salientou Carmela Silva, para logo subliñar que este é o primeiro convenio que esta institución asina no marco da Cátedra pero “non vai ser o único”, engadiu.

A colaboración da Cátedra Iberoamericana coa Deputación de Pontevedra ten como obxectivo investigar, recompilar e publicar, en formato dixital, as historias dun nutrido grupo de pontevedresas no eido da cultura, da arte, da empresa, da docencia e, en definitiva, en tódolos ámbitos nos que se aplicaron, cunha dobre mirada: o éxito nas Américas e o éxito en Pontevedra daquelas que agardaron, fosen primeira ou segunda xeración. E todo iso sen descoidar a historia de tantas mulleres pontevedresas que foron ignoradas a pesar da súa forte implicación nas migracións laborais e políticas que, de maneira especial, se sucederon no pasado século. @mundiario

A Cátedra Iberoamericana fará visible a mirada feminina da emigración
Comentarios