Punto final ás Xornadas Mar por Medio. O Camiño do Século XXI

O presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, e a concelleira Pilar Otero clausuraron as actividades tras dúas mesas redondas. / Mundiario
O presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, e a concelleira Pilar Otero clausuraron as actividades tras dúas mesas redondas. / Mundiario
John Rutherford abriu as actividades do último día lembrando a súa experiencia como peregrino, que cualificou como “as vivencias máis profundas, máis complexas e máis importantes” da súa vida.
Punto final ás Xornadas Mar por Medio. O Camiño do Século XXI

Unha conferencia, dúas mesas redondas e unha actuación musical puxeron hoxe o punto final en Ribadeo ás XVII Xornadas “Mar por Medio. O Camiño do Século XXI”, organizadas pola Academia Xacobea coa colaboración da Xunta de Galicia, a Deputación de Lugo, o Concello de Ribadeo e a Universidade de Santiago de Compostela. Atrás quedou un amplo programa de actividades que reuniu nesta localidade da Mariña lucense a unha trintena de especialistas de ámbitos tan diversos como a universidade, a medicina, o xornalismo, a educación ou a literatura, e que permitiron ao case centenar de participantes rexistrados abordar o fenómeno do Camiño de Santiago desde ópticas diversas, desde a perspectiva máis xeral e universal á visión máis próxima e local.

As actividades do terceiro e último día arrincaron, precisamente, co gran artífice de que estas Xornadas Mar por Medio comezarán a súa andaina hai xa tres décadas convertendo Ribadeo nun punto de referencia para o estudo da cultura galega e nunha ponte de unión entre esta terra e o Reino Unido. John Rutherford, fundador do Centro de Estudos Galegos da Universidade de Oxford e profesor emérito do Queen’s College desa mesma institución, pronunciou no auditorio Hernán Naval

unha conferencia na que partindo da súa novela “As frechas de ouro” lembrou algunhas das súas experiencias como peregrino no Camiño, que cualificou como “unha das vivencias máis profundas, máis complexas e máis importantes da miña vida”. Rutherford explicou que “atopei algo precioso que non buscaba, a conciencia de que nunca vou atopar o que busco, porque toda meta digna é por iso inalcanzable… Buscando non vou atopar máis nin menos que o gozo de buscar”. O humor e a comicidade marcaron tamén a súa intervención: “Como amosa o pensador galego Celestino Fernández de la Vega, humor significa sorrir pensativamente perante os pequenos e grandes misterios da vida humana, mentres que comicidade significa rirse de eles”, detallou.

Tras a intervención de Rutherford, a profesora de Dereito Romano da Universidade de Vigo María José Bravo Bosch; a expresidenta da Confraternity of Saint James de Londres, Laurie Dennet; e a actriz, presentadora e articulista Estíbaliz Veiga participaron nunha mesa redonda moderada polo catedrático e académico Eduardo López Pereira e dedicada ao papel da muller no Camiño de Santiago. Despois foi a quenda de analizar como está a ser abordada a cuestión do Camiño nos medios de comunicación e que papel poden xogar estes para contribuír á súa promoción, pero tamén á súa preservación. Diso ocupáronse o xornalista e escritor José de Cora Paradela, a doutora en Dereito á Información, escritora e presidenta da Asociación de Xornalistas Galegos en Madrid, Pilar Falcón; o presidente da Asociación de Xornalistas do Camiño de Santiago (Apecsa), Xosé María García Palmeiro, e o vicepresidente de Apecsa, Lois Celeiro. A xornalista e directora do programa radiofónico Xente Viaxeira, Esther Eiros, exerceu de moderadora.

O presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou, e a concelleira de Cultura e Comercio de Ribadeo, Pilar Otero Cabarcos, procederon a continuación a clausurar da forma oficial as XVII Xornadas Mar por Medio. Pilar Otero fíxoo agradecendo o traballo de organización desenvolto pola Academia Xacobea e explicando que para a localidade supón un gran orgullo acoller de novo estas xornadas.

Pola súa banda, Xesús Palmou agradeceu a colaboración tanto do Concello de Ribadeo, como da Deputación de Lugo, a Universidade de Santiago e a Xunta de Galicia, para facer posible a celebración deste encontro e referiuse tamén a dúas persoas de Ribadeo “que se envorcaron desde o minuto 1: Manuel Valín e Daniel Veiga”.

Para terminar, do mesmo xeito que nas dúas xornadas precedentes, os participantes puideron gozar dunha actuación musical. Esta vez foi a soprano Rocío García Arias, acompañada ao piano por Guillermo Cruzado Martín, a encargada de facer vibrar ao público reunido no auditorio municipal de Ribadeo. @mundiario

Comentarios