"Peregrino" vén do latín "peregrinus", voz procedente á súa vez de "per-agrare"

Peregrino. / FrAn LaREo
Peregrino. / FrAn LaREo

A lectura filosófica do termo permite comprender por que a peregrinación é unha experiencia ancestral que ten que ver tanto con concepcións relixiosas antigas, como antropolóxicas e mesmo filosóficas.

"Peregrino" vén do latín "peregrinus", voz procedente á súa vez de "per-agrare"

A palabra "peregrino" vén do latín "peregrinus", voz procedente á súa vez de "per-agrare", que significa ir a través dos campos ("agros"). Unha análise etimolóxica mostra a ambivalencia semántica deste termo, do que se derivaron palabras cargadas de connotacións positivas como “experiencia” ou “perito” e negativas como “perigo”.

Tal como sinala Ortega y Gasset, “los fonemas latinos per y por y los griegos περ y πειρ, proceden de un vocablo indo-europeo que expresa esta realidad humana: ‘viajar’ en cuanto se abstrae de su eventual finalidad (…) y se toma el viaje en cuanto estar viajando, ‘andando por el mundo’. Entonces el contenido de viajar es lo que durante él nos acontece; y esto es, principalmente, encontrar curiosidades y pasar peligros”[1].

Xa que logo, unha lectura en clave filosófica do sentido etimolóxico destes termos conduce ao corazón do pensamento filosófico occidental, relacionada tanto co feito de viaxar por terras descoñecidas para ver, para ter experiencias, aínda que carrexasen perigos e extravíos, como co feito de construír un método ou guía para avanzar con paso seguro no camiño do coñecemento. “El empirismo o experiencia –nos dice Ortega y Gasset– es, pues, un efectivo ‘andar y ver’ como método, un pensar con los pies, que es lo que según los modernos, hacían los escolásticos”[2].

Esta lectura filosófica do termo permite comprender por que a peregrinación é unha experiencia ancestral que ten que ver tanto con concepcións relixiosas antigas, como antropolóxicas e mesmo filosóficas.

Cando nace a filosofía grega nas costas de Xonia (s. VI a. C.) nútrese do intercambio de linguas, culturas e experiencias dos que chegan a aqueles portos. E moitos dos filósofos gregos fixeron viaxes para ampliar a súa experiencia e coñecemento do mundo. Platón, segundo sabemos, viaxou a Exipto para ampliar os seus coñecementos matemáticos. E irá despois a Siracusa para tentar implantar (sen éxito) os ideais da súa República.

–––––––––

[1] Ortega y Gasset, J.: La idea de principio en Leibniz y la evolución de la teoría deductiva, en Obras Completas, vol. VIII, Alianza Ed., Madrid 1983 (1994 reed.), p. 177.

[2] IBID.

Comentarios