XXXI Feira do Viño de Chantada, en Lugo: Ti es godello ou es mencía?

Canóns do Sil.
Canóns do Sil.
Este foi o meu 5º ano na Feira do Viño de Chantada, que se celebra desde hai 31 anos, de xeito ininterrumpido, neste concello lucense. Nesta ocasión festexouse do 8 ao 10 de marzo.
XXXI Feira do Viño de Chantada, en Lugo: Ti es godello ou es mencía?

Este foi o meu quinto ano na Feira do Viño de Chantada, que se vén celebrando desde hai trinta e un anos, de xeito ininterrumpido, neste concello lucense. Nesta ocasión festexouse do 8 ao 10 de marzo. Non é a única feira do viño da Ribeira Sacra, logo veñen as de Amandi, Quiroga, Vilachá, Belesar e Pantón. E os viños son mencía ou godello, e en menor medida,  garnacha ou treixadura. A Feira do Viño de Chantada 2013 contou con dezaseis adegas participantes. Entre elas eu premiaría a Adegas Amedo e a Vía Romana.

O grande atractivo desta festa é que se monta toda a fin de semana, baixo a carpa da Feira e nos locais nocturnos, unha gran movida regada cos viños da Ribeira Sacra. Un ano máis,  Chantada ofereceume a mellor festa e o mellor viño! E malia que este ano, despois de doce seguidos, Televinte non estivo en directo, non podería escribir estas liñas sen facer unha mención especial a Mercedes Vázquez, directora desta televisión, por todos os grandes programas realizados  desde a Feira e polos momentos de diversión que nos brindaba o seu reporteiro, Óscar Alfeirán.

Foi  hai cinco anos, a través da miña benquerida amiga Nuria, unha ilustre chantadina, cando fun por primeira vez a esta festa. Alí coñecín o símbolo da vila, José Lorenzo Pérez, O Turelo. El e a súa muller, Ana María Gay Moure, foron os creadores do “Mogay”, un emblema de Chantada. O "Hotel Restaurante Mogay" inaugurouse no 1985, coa ilusión de José Lorenzo, Pepe, de lle ofrecer á xente un bo xantar, dos de sempre, nun local que sentisen acolledor, como a propia casa. E así foi como me fixo sentir a min. Esta é tamén a característica de máis proxectos hostaleiros impulsados por José, como a viñatería “A Faragulla”. Hai doce anos os donos do “Mogay” acometeron unha importante reforma das instalacións, ao tempo que abriron a “Casa Quinteliña”, un edificio situado a un quilómetro da vila, dedicado a casa de turismo rural e a banquetes. Hoxe en día son Jacobo e Antonio, os fillos máis novos de José e Ana, quen están á frente destes negocios familiares, desenvolvendo unha excelente xestión  cunha visión moi intelixente.

Cando vaiades a Chantada, onde o viño é arte, podedes aloxarvos no Hotel Mogay, ou ben na Casa das Xacias, en Pesqueiras, ideal para grupos de amigos ou para gozar en familia con nenos. Desde alí podedes, ademáis de descansar nun ambiente rural, coñecer a zona, xa que se atopa moi ben comunicada e próxima a moitos lugares de interese.

Nas ribeiras dos ríos Miño e Sil, estabelecéronse nos comezos do cristianismo monxes e eremitas para practicaren a vida ascética, que, co paso de tempo, deron lugar a florecentes mosteiros que irradiaron arte, cultura e progreso material a toda Galicia. De aí o nome Ribeira Sacra, do que existe constancia escrita desde o século XII. Desde aquí poderedes transportarvos ata o esplendor do románico a través das igrexas de Santo Estevo de Ribas de Miño, San Paio de Diomondi, San Miguel de Eiré, o Mosteiro das Bernardas, San Fiz de Cangas, Santo Estevo de Atán, na ribeira do Miño. Na ribeiras do Sil o mosteiro máis importante é o de Santo Estevo de Ribas de Sil, actualmente Parador de Turismo, que foi un centro de poder non só relixioso, xa que o seu abade foi durante séculos o encargado de impartir xustiza e nomear escribáns e oficiais de aduana. Tamén destacan a igrexa de San Vicente de Pombeiro e os antigos mosteiros de Santa Cristina e de San Pedro de Rochas, único por estar escavado na rocha. Igual atención merece o antigo mosteiro beneditino de Montederramo, poboación desde a que tamén nos poderemos achegar ao Bidueiral que leva o nome desta vila. Outra opción é achegarse aos espectaculares miradoiros sobre o Canón do Sil e admirar a monumentalidade da súa paisaxe.

Contades con infinitas actividades para gozar da Ribeira Sacra: tren turístico, viaxe en catamarán, visitar o Centro do Viño, excursións en lancha polo encoro de Belesar, visitas guiadas do Románico, en Semana Santa tedes o "ViñoBús", etc. Para os amantes do viño, a visita a adegas, a degustación de caldos e a posibilidade de mercar in situ o viño da Ribeira Sacra son atractivos indiscutibles a ter en conta. Unha das miñas adegas favoritas da ribeira chantadina é a Adega Rabelas, Os Cipreses, nome que fai referencia ás árbores que rodean a mesma, é preciosa, tedes que ir!

E xa para rematar suxírovos que probedes as emblemáticas empanadillas do Manix, están moi moi boas. De feito ata ten unha páxina no facebook  “yo también me comería ahora, una empanadilla del Manix!!!”. Outro sitio aconsellable é o "Café das Artes";  está moi ben para tomar unha copa acompañado de boa música. E como non?, o pub "Mezcal"! Por certo, non perdades a oportunidade de mercar unha camiseta Boa Peixa,  deseñada por Sandra Sánchez, unha artista chantadina. Adquiride unha destas prendas para serdes `peixas´ ou `xurelos´. Ten deseños únicos e moi molóns!

Aínda que eu son de mar, Chantada, o corazón de Galicia, tamén é parte do meu!

Comentarios