Latín, poesía e, agora, filosofía: As tres "marías” do novo sistema educativo

A xeración que saia de todo isto estará integrada por individuos incapaces de comprender o significado dunha metáfora.
Unha xeración sen metáforas estará chea de frío. Ou, dito sen metáforas: ateigada de burros, de incompetentes. Aos meus fillos tento dicirlles que a tecnoloxía é o chasis do coñecemento.
Latín, poesía e, agora, filosofía: As tres "marías” do novo sistema educativo

Grazas ao latín, os habitantes de Cabra —un pobo andaluz da provincia de Córdoba– chámanse egabrenses e non como todos están agora a pensar. Porque Cabra é a antiga Égabro romana (que os musulmáns bautizarían logo como Qabra). Vén isto a conto da decadencia das chamadas Humanidades na nosa sociedade adoradora do deus tecnolóxico. O latín, a poesía e, agora, a filosofía, son xa as “tres marías” do noso sistema educativo.

A xeración que saia de todo isto estará integrada por individuos incapaces de comprender o significado dunha metáfora. Será para eles un código indescifrable. E isto non é venial. Porque os problemas da vida, as grandes cuestións que cada un de nós ten que resolver de forma individual, adoitan aparecer sempre entre brumas, non soen arranxarse aplicando unha precisa fórmula matemática. As decisións transcendentais da nosa existencia requiren diso que se chama “intelixencia emocional” e do coñecemento transversal: ou sexa, da capacidade de interpretar, valorar, dubidar, afondar, sentir, seleccionar...

Cando un dos nosos mellores poetas escribe, por exemplo, estes dous versos: “Din os soños e os paxaros / a morte non é certo”,  está a facer arte, mais tamén filosofía, ou sexa, buscar un sentido ás cousas. A filosofía, que agora a polémica Lei Wert acaba de sentenciar converténdoa en optativa no sistema educativo. “O pensamento filosófico é o motor da nosa existencia”, exclamaba o pasado venres nun ateigado Teatro Principal de Santiago, un dos personaxes de Criaturas, esa gran peza teatral de Roberto Vidal Bolaño, outro artista, outro pescudador de respostas.

Unha xeración sen metáforas estará chea de frío. Ou, dito sen metáforas: ateigada de burros, de incompetentes. Aos meus fillos tento dicirlles que a tecnoloxía é o chasis do coñecemento. Nada máis. É o continente, nunca o contido (a vella confusión da fin e os medios). Agora que andan os pre e os post adolescentes cheos de “maquinillos”, hipertrofiando os dedos pulgares diante das pantallas táctiles, semella terse esquecido isto.

Non é unha loita de ciencia versus cultura nin nada polo estilo. As dúas van (deben ir) xuntas. A batalla dáse entre as grandes multinacionais fabricantes de aparellos tecnolóxicos que queren xuventude uniforme e necia, e, fronte a elas, a capacidade innata do ser humano de crear, de emocionarse, de sentir, e de comprender a diversidade. Todo isto está sendo atacado dende moitos ángulos. E un non sabe cómo facerlles fronte.

Latín, poesía e, agora, filosofía: As tres "marías” do novo sistema educativo
Comentarios