Grândola Vila Morena, a canción dunha revolución de novo presente

Bandera de Portugal.
Bandeira de Portugal.

"Hoxe somos nós quen nos temos que rebelar, hoxe somos nós os que temos que alzar a voz, os que temos que loitar coas poucas armas que temos ao noso alcance", escribe esta nova articulista de MUNDIARIO.

Grândola Vila Morena, a canción dunha revolución de novo presente

Non hai tanto tempo que son consciente do que foi e significou esta canción, esta revolución, mais hoxe fago miñas estas palabras que canto con tanto sentimento como quen o fixo moitos anos atrás.

Hoxe son eu, hoxe somos nós, hoxe somos o pobo quen vive na ignominia, na opresión, na tiranía do ladrón que desde o poder rouba vida, diñeiro, traballo e esperanzas.

Hoxe somos nós quen nos temos que rebelar, hoxe somos nós os que temos que alzar a voz, os que temos que loitar coas poucas armas que temos ao noso alcance pero que no fondo son as máis valiosas: a nosa voz, a xustiza e a vontade férrea de quen loita polo que cre.

Tal día como hoxe o almorzo non é doado de dixerir, o globo sonda pepeiro ameaza cun recurte das pensións de até un 50% (lido no Huffington Post), a cola do paro está perto dos seis millóns e medio de desempregados, a suba do IVE está a tiro de gaivota, os dereitos sociais máis que recurtarse parece que entran no chapeu do mal mago para desaparecer por arte de birli birloque, a estafa das preferentes ten a milleiros de persoas sen os aforros de toda unha vida, e quen morre tamén deixa máis que pagar ao que queda, mentres quen vive e vive de nós, búrlase do xeito máis miserable do pobo.

Quen recibe sobres, quen minte cun descaro sen precedentes, quen cobra salarios astronómicos laiándose de que ten que mirar moito os cartos a fin de mes, quen convive con narcotraficantes, quen afunde un país…. que ten que facer máis para que esta sociedade reaccione dunha vez???

Seguiremos a dicir que chove cando mexan por nós ou imos deixar de ser cómplices da ignominia?

Non nos enganemos, quen permanece pasivo é como se fora parte deles, xa di o refrán que quen cala outorga.

Eu nen calo nen outorgo, pouco poderei facer máis que alzar a miña voz, que escribir unhas liñas, mais hoxe quero que non caia no esquecemento o espíritu do 25 de abril que tantos galegos cantaron acompañando ao noso pobo do outro lado dunha fronteira política, hoxe quero que o meu pobo escoite, cante e erga a súa voz por cima da inxustiza e loite por un futuro mellor, e iso só se conseguirá se somos quen de unirnos no propósito de facer recuar este par de gobernos indignos que nos están a afogar.

O povo é quem máis ordena.

Comentarios