Alonso Montero aposta polas mulleres na súa xunta directiva da Real Academia Galega

Margarita Ledo e Rosario Álvarez acompañarán ao escritor e profesor Xesús Alonso Montero na xestión da Real Academia Galega, institución centenaria que emprende unha importante etapa de renovación.
Alonso Montero aposta polas mulleres na súa xunta directiva da Real Academia Galega

Margarita Ledo e Rosario Álvarez acompañarán ao escritor e profesor Xesús Alonso Montero na xestión da Real Academia Galega, institución centenaria que emprende unha importante etapa de renovación. Haberá dúas mulleres, xa que logo, na directiva, igual número que de homes; neste caso, contando con Torres Queiruga e Henrique Monteagudo. Alonso Montero (Vigo, 1928) foi elixido presidente da Real Academia Galega, tras unha votación resolta con doce votos a favor da candidatura do novo presidente e dez a favor da encabezada por Manuel González.

Logo da dimisión do anterior presidente, o tamén escritor vigués Xosé Luís Méndez Ferrín, a centenaria Real Academia Galega quedou partida en dous bloques. Xesús Alonso Montero convértese así no presidente número doce desde os tempos de Manuel Murguía. Trátase dun ensaísta membro da Real Academia Galega e do Consello dá Cultura Galega, catedrático de Literatura galega, sociolingüista, poeta e conferenciante.

Pero non todo son parabéns para Xesús Alonso Montero, que tamén ten detractores. Desde Twitter, o escritor galego Xavier Alcalá (‏@xavier_alcala) fixo este comentario a unha nova de MUNDIARIO: "Non podo entender como se pon a Academia nas mans dun vello comunista, antigaleguista e antilusista. Espero que o controlen". Iremos vendo o que pasa, pero o certo é que Alonso Montero ten apoio dabondo para xestionar a Real Academia Galega.

Comentarios