A revolución (feminina) dos clubs de lectura

Club de lectura. / Mundiario
Club de lectura. / Mundiario
Nun momento con tantos problemas para a nosa lingua, os clubs de lectura son illas non só de resistencia senón de transformación social.
A revolución (feminina) dos clubs de lectura

Hai anos que partillo un club de lectura coa Asociación de ex alumnas do IV Ciclo da Universidade de Santiago. E digo alumnas porque son todas mulleres nesta actividade e hai inmensa maioría feminina en todas elas. A idade vai entre os 55 e os 92 anos, a maior parte entre os 70 e os 80. Todo un reto que demostra canto temos que aprender das nosas maiores.

Nestes anos lemos de case todo, con preferencia para a novela publicada por mulleres da nosa contemporaneidade. Moitas delas comentan que estas lecturas axudaron a que entendesen mellor netas e netos e o complexo mundo de hoxe e, sobre todo, que lles abriron a mente para comprender diversas realidades. Para iso é central pór enriba da mesa lecturas con temáticas actuais, con protagonistas de hoxe, lecturas feministas, que nos remexan e interroguen. 

A nosa última lectura partillada foi As desterradas, de Carme Varela, para facer realidade a máxima de que O teatro tamén se le. Temos aínda como deberes conseguir espertar a afección pola poesía. 

Ler parece un acto individual e, por tanto, sobre o que ninguén debería pedirnos contas. Lemos se queremos e cando queremos, como se imos ao cine, se escoitamos música ou se gustamos de dar camiñadas polo monte. Mais ler é un acto con moitas perspectivas colectivas, que abrangue múltiplos elementos e que se interrelaciona con todo o que nos rodea.

Club de lectura. / Mundiario
Club de lectura. / Mundiario

A lectura é unha parte fundamental para o coñecemento

Nun primeiro momento, a lectura require dun proceso de aprendizaxe en que están implicadas outras persoas. Noutros contextos é moito máis evidente que aprender a ler é un acto revolucionario. “Vou aprender a ler para lles ensinar aos meus camaradas”, di a letra dunha canción de Maria Betânhia. Xustamente moitos programas de axuda para a transformación das condicións de vida dos países en vías de desenvolvemento inclúen brigadas e programas de alfabetización. Iso, que para nós é tan doado, convértese nun luxo e nun desexo para moitas outras persoas. 

Cando aprendemos a ler precisamos exercer a nosa capacidade e gozamos coa posibilidade de nós [email protected] enfrontármonos á escrita. 

A lectura é, ademais, unha parte fundamental para o coñecemento. Unha gran parte do que aprendemos ao longo da nosa vida chega a través da palabra escrita e unha gran cantidade das nosas demostracións sobre o que sabemos realizámolas tamén a través da escrita.

Ler estimula a imaxinación

Ler ofrécenos argumentos para debater, para convencer. Ler enriquece o noso léxico, axúdanos a coñecer as linguas, dános máis posibilidades de expresión. Ler estimula a nosa imaxinación, permítenos viaxar sen case termos saído do noso país, posibilita que soñemos, transmite emocións, esperta os nosos sentidos. Ler axúdanos a participar no mundo.

E ler en galego reconcílianos connosco como colectividade, pois só así podemos reparar o erro histórico que fixo que os nosos pais e as nosas nais, os nosos avós e as nosas avoas non soubesen ler nin escribir na lingua en que falaban. E xa coñezo avoas que decidiron aprender galego (e ler como axuda nesa aprendizaxe) para falar coas súas netas e netos na nosa lingua. 

O galego resistiu nos beizos das clases populares

A literatura en galego xogou un papel importantísimo na recuperación de ámbitos de uso de prestixio para o noso idioma. Sempre se comenta que o galego resistiu nos beizos das clases populares, que foron transmitindo oralmente ao idioma de avoas a nais e de nais a fillos e fillas. E sen desprezarmos este contributo, tan relevante como a inclusión na literatura con maiúsculas da riquísima tradición oral, de refráns, cantigas, romances, contos…, non é allea á recuperación do galego e á súa introdución no mundo culto a existencia dunha figura literaria como Rosalía de Castro. Ela, e autores/as posteriores, demostraron que a nosa lingua podía camiñar desde as corredoiras ás autoestradas, desde as aldeas e lugares da parroquia á máis grande das cidades, da lareira tradicional ao Parlamento ou á Universidade.

Nun momento con tantos problemas para a nosa lingua, os clubs de lectura son illas non só de resistencia senón de transformación social. Hoxe conformados en gran parte por unha maioría feminina de mulleres xubiladas encerran toda a potencialidade das experiencias de transmisión interxeracional, un dos elementos que ten a chave da conquista dun futuro mellor. E todo, traballando desde un presente máis feliz para todas as persoas que participamos nesta magnífica experiencia que tece inesperadas redes de afectos. @mundiario

A revolución (feminina) dos clubs de lectura
Comentarios