Os espazos para o turismo, entre a vida e a morte

Vistas de Vigo. / Google
Vistas de Vigo. / Google
Existen razóns abondo para abordar un problema que afecta ao dereito ao acceso á vivenda, á calidade dos espazos urbanos e á mesma calidade e sostibilidade do turismo.
Os espazos para o turismo, entre a vida e a morte

Alertaba Jane Jacobs, na súa coñecida obra Morte e Vida das grandes cidades, sobre como a diversidade e vitalidade das cidades estaba sendo destruída. As súas leccións son hoxe aplicables ao fenómeno da turistificación, cada vez máis conflitivo, e ás súas consecuencias, cada vez máis lesivas. 

Nos últimos anos o mercado inmobiliario está a sufrir un cambio importante como consecuencia do aumento do peso do sector turístico en determinadas zonas do país. Se no século pasado o turismo xeraba un conflito naquelas localizacións cun exceso de hoteis, hoxe, no contexto da era información, o aluguer de vivendas para uso turístico cobra especial relevancia e trae canda si novos problemas que cómpre afrontar.  

É evidente a ollos de calquera cidadán que o impacto deste tipo de aluguer está a ser cada vez maior no contexto galego. Porén, a Consellaría competente en vivenda e o Observatorio da Vivenda de Galiza, que depende dela, aínda non se interesou en analizar e abordar o problema. De aí que os datos oficiais sexan máis ben escasos. 

Mais se tomamos os datos ofrecidos polo propio sector inmobiliario, esa percepción cidadá do aumento desproporcionado deste tipo de usos turísticos confírmase. Os aloxamentos de uso turístico disparáronse nos últimos cinco anos, cun incremento abraiante do 2.677%. Fronte ás 14.000 vivendas censadas para usos turísticos en Galiza, os alugueres residenciais dispoñibles apenas alcanzan os 3.500.

O uso vacacional

Cidades como Compostela, Vigo ou A Coruña están vendo como boa parte do seu parque inmobiliario de vivendas comeza a destinarse en maior proporción para uso vacacional. En Santiago de Compostela a relación entre os pisos para aluguer residencial e os vacacionais é de 130 dos primeiros fronte a máis de 1.000 dos segundos. No caso de Vigo xa se comproba unha maior oferta de pisos turísticos do que residenciais, e en tan só un ano creáronse 800 novas prazas dos primeiros. Na Coruña o aumento dende marzo de 2020 foi de máis dun 60% e alcanza as 653 vivendas rexistradas. 

Tamén outros concellos máis pequenos, especialmente os ubicados en zonas litorais, están vendo como o peso da vivenda turística ten un forte impacto no seu parque inmobiliario. Un exemplo claro é o de Sanxenxo, líder municipal en número total de prazas de pisos vacacionais a nivel galego, máis tamén noutros como Nigrán ou Cangas a oferta residencial está cada vez máis distorsionada por estoutro mercado. 

As consecuencias deste fenómeno son múltiples. En primeiro lugar existe unha afectación dende o punto de vista da calidade urbana, toda vez que o turista que ocupa o lugar dun veciño non exerce de cidadán nese entorno, é dicir, non crea relacións de veciñanza, nin tampouco coida ou reivindica a mellora do espazo e do público, porque non pertence a el. 

Tamén ten unha afectación directa sobre o prezo da vivenda residencial. A alta rendibilidade que supón nestes momentos o aluguer vacacional de vivendas nas zonas con maior presión turística fai con que os propietarios prefiran destinar os seus inmobles para este uso. Todo isto acaba por repercutir na alza de prezos da vivenda de uso residencial, que se traduce no empeoramento da accesibilidade á vivenda da poboación residente. 

O modelo turístico

Por último, tamén resulta necesaria unha reflexión sobre as consecuencias a medio prazo sobre o propio modelo turístico. O desprazamento da poboación residente do centro das cidades ou de determinadas zonas moi turistificadas remata por segregar a propia vila ou cidade, reducindo así estes espazos a zonas tematizadas como simples entornos comerciais ao aire libre para turistas. Os primeiros afectados son os propios resindentes, mais co tempo acaban por crearse entornos turísticos pobres, carentes de vida cotiá, de memoria, de complexidade e de interese específico. 

Existen, pois, razóns abondo para abordar un problema que afecta ao dereito ao acceso á vivenda, á calidade dos espazos urbanos e á mesma calidade e sostibilidade do turismo. Debatémonos entre a vida ou a morte dos espazos que habitamos e do propio sector turístico. @mundiario

Comentarios