A débeda histórica da Xunta con Santiago: o caso da capitalidade
O alcalde de Santiago aínda non se reuniu co novo presidente da Xunta para pór enriba da mesa cuestións centrais que Compostela leva tempo demandando. Para alén das saídas ao tema da vivenda (tanto á promoción de vivenda pública como a regulamentación precisa para mobilizar vivenda baleira), das infraestruturas pendentes, da necesidade de dotar o Hospital de alternativas de aparcamento, está o compromiso nunca satisfeito de construír un novo edificio para a Escola Oficial de Idiomas, a ampliación do Conservatorio de Música e a aposta por crear un de Danza. E tamén as reclamacións recollidas no Pacto polo rural, entre as que se encontra a dotación de saneamento e abastecemento para numerosos núcleos de poboación que carecen de servizos básicos, un tema que se filtra polos sumidoiros para que sexa invisíbel mais que non di nada positivo da capital do país.
Non sabemos se estas cuestións formarán parte das reivindicacións do rexedor compostelán porque non está entre as súas virtudes recoller as propostas da oposición nin os acordos plenarios para levar unha posición de cidade, de concello, ás negociacións coa Xunta.
O que si sabemos é que non estará a demanda de incrementar a cantidade que Santiago recibe pola súa condición de capital. E non estará porque na celebración do vixésimo aniversario da promulgación da Lei 4/2002, de 25 de xuño, do Estatuto da Capitalidade de Santiago de Compostela o alcalde compostelán obviou o tema.
A única referencia económica ao asunto foron as palabras de Alfonso Rueda ao continuar gabándose dos case 2.400.000 euros que recibe Compostela por estes gastos.
Un estudo do 2004
O que moita xente non sabe é que un estudo de Luís Caramés e María Cadaval, da USC, calculaba en 2004 que a cifra debía ser de 5.507.494,3 euros/ano, mais do duplo do que recibimos e que outro estudo posterior de Nuria Bosch, Marta Espasa e Daniel Montolio, da Universidade Autónoma de Barcelona determinaba que a cantidade debía ser de 12.751.238,6.
En concepto de que se estiman estas cantidades? Por que Santiago debe ser compensada ao exercer como capital do país?
O primeiro e máis relevante é a perda de ingresos por substitución de actividade, pois é evidente que Santiago debe ceder solo para as actividades administrativas que se requiran no canto de utilizalo para usos comerciais, de servizos ou residenciais. Nese sentido, hai unha perda importante de ingresos en exencións tributarias de edificios propiedade do Estado e da comunidade autónoma, de exencións de impostos sobre vehículos de tracción mecánica e vados de aparcamento, así como falta de ingresos en concepto de IBI por outros usos que poderían existir en vez dos administrativos.
Mais tamén se produce un incremento de gastos en seguranza e protección civil, derivado da organización dun bo número de actos públicos. E non son menores os custos da conxestión de tráfico como consecuencia da maior demanda de mobilidade dentro da que contan os milleiros de persoas empregadas da Xunta de Galiza que desenvolven os seus labores en Santiago.
Unha iniciativa do BNG
En 2017, o Concello de Santiago aprobou por unanimidade unha iniciativa do BNG para encargar unha actualización do estudo dos custos da capitalidade porque na actualidade estes gastos son máis elevados pola cantidade de persoal traballador, polo custo patrimonial, de limpeza, de rehabilitación e de promoción turística. Comprometerse a que unha Comisión Mixta, con presenza da Xunta, do Concello e da USC actualizase ese estudo debera ser unha tarefa prioritaria, da que se deducise que obrigatoriamente a Xunta asumiría o pagamento íntegro da cantidade resultante.
Aínda que desde fóra haxa quen pense que Santiago ten privilexios, a nada que se examine o tema con detemento verase que hai unha débeda contraída que hai que compensar. É ben certo que a capitalidade tamén trae beneficios a Compostela e que estes deben ponderarse no estudo de actualización para obter uns datos totalmente fiábeis. Mais non deixa de ser verdade que hai que revisar unhas cifras que levan tempo á baixa cando todo indica que deberían incrementarse. Desde os arredor de 3 millóns que Santiago recibiu entre 2007 e 2010, a baixada a pouco máis de 2 millóns de euros foi a constante de toda a era Feijóo. Non fica dúbida despois do acto do pasado 29 de xuño que Rueda pretende manter unha achega que está moi por debaixo da que sinalan calquera dos estudos existentes ao respecto.
É este, pois, o momento para nos facer valer e, con datos obxectivos e un estudo actualizado, esixir que se cumpra con Compostela. Mirar para outro lado, gardar silencio, non dicir nada ao respecto, é parte do comportamento submiso de Bugallo coa Xunta de Galiza e tamén co goberno do Estado. Por iso afirmamos que Santiago merece un goberno que realmente defenda os seus intereses, que fale en voz alta e actúe con transparencia e honestidade. @mundiario