Ata cando durará a estafa da Sareb?

Un stand de la Sareb. / Mundiario
Un stand da Sareb. / Mundiario
A grande estafa funcionou durante case dez anos, até que hai pouco a axencia europea Eurostat pasou a computar a gran masa de recursos públicos que mantiñan a flote a entidade como a débeda pública do Estado que era.
Ata cando durará a estafa da Sareb?

No ano 2012, logo do estoupido da burbulla inmobiliaria, o ex ministro de Economía Luís de Guindos efectuou unha grande operación para sanear á banca a conta de todas nós. Esta operación, que consistía en limparlle ás entidades financieiras os seus activos tóxicos, tiña ademais un segundo obxectivo: ocultarlle á cidadanía de onde sairían os cartos desa operación. 

Baixo esas dúas premisas creouse a Ssareb, tamén coñecida como “banco malo”, cunha inxección de 4.800 millóns de capital, dos cales o 45% habían ser de orixe público. Mais esta cifra sería apenas a punta do iceberg, a parte visible dun investimento multimillonario. A parte non visible foron os 50.000 millóns de débeda que emitiu a entidade avalada polo Estado. Así que, malia que aparentemente os cartos públicos supuñan apenas ese 45% da parte visible, ocultábase que a operación final pagariámola entre todas durante anos.  

Esta forma de proceder cumpría tamén co segundo obxectivo, que era evitar que a sociedade fose consciente de que o diñeiro que permitía sacar a flote a entidade eran os nosos e os das xeracións seguintes. Apenas debíamos mirar a parte visible da operación porque, de sabermos da súa dimensión real, corriamos o risco de tomar conciencia de que ese parque inmobiliario nos pertence e, en consecuencia, igual nos daba por querer decidir a finalidade e os criterios cos que xestionar o que é de todos. Así que, para evitalo, procurouse unha xestión fóra dos focos, o máis opaca posible, da que poucos datos coñecemos. 

A grande estafa funcionou durante case dez anos, até que hai pouco máis dun ano a axencia europea Eurostat pasou a computar a gran masa de recursos públicos que mantiñan a flote a entidade como a débeda pública do Estado que era. Esta decisión invalidaba o discurso oficial desta gran estafa e visibilizaba os custos reais da operación: a débeda pública escalou entón até o 120%. Evidenciouse, daquela, que a hipoteca dese parque a imos pagar colectivamente, así que é tempo xa de que decidamos colectivamente a que se destina ese grande parque inmobiliario, especialmente o de uso residencial.

Lavado de imaxe e anuncios

Neste contexto, o Goberno central anunciaba que 10.000 vivendas da Sareb pasarían a ser vivendas sociais. Tal anuncio tivo un eco importante nos medios, pero máis dun ano despois non pasou diso: un acto propagandístico e un lavado de imaxe.  E iso a pesar de que o Estado vén de facerse coa maioría da empresa o que lle dá maior capacidade de decisión.

Toda vez que a estafa ficaba revelada, xurdiron as promesas. Mais co tempo comprobamos que estas servían apenas para calmar a opinión pública e non para un cambio na entidade.

Camiñamos cara atrás

De feito, cando máis razóns e oportunidades existían para cambiar o rumbo desta entidade, máis involucionou a xestión do parque, actuando de maneira contraria á función pública que se lle presupón. No último ano estanse incrementando os casos de abusos por parte da Sareb contra os inquilinos das vivendas.

Recentemente coñecíamos casos en Narón, Burela, Ares e outros máis, onde se repetía un modus operandi en que a Sareb exercía un abuso sobre os inquilinos, esixíndolle información privada que non correspondía, negándolles información aos inquilinos e presionando aos veciños por distintas vías para o desaloxo do inmoble, dende a xudicial ao curte de subministros.

Esta mesma semana coñecíamos outro caso en Vigo, no barrio do Calvario, en que a Sareb négase ao correcto mantemento dos inmobles como mecanismo para promover a expulsión da veciñanza. Estes veciños sofren unhas pésimas condicións de habitabilidade e unha situación de absoluta indefensión fronte a estas prácticas abusivas. 

Responsabilidades compartidas

É tempo de acabar con esta estafa e de que este parque inmobiliario pase a rexirse por criterios de interese público e social. Ese camiño é o contrario do que vén de facer o goberno central entregándolle a xestión dos activos da entidade a dous fondos de inversión estranxeiros: Blackstone e KKR. Dúas entidades de sobra coñecidas pola agresividade no seu modus operandi como caseiros. O goberno central ten a responsabilidade de promover a cesión dunha vez por todas destes inmobles ás comunidades autónomas. 

Pola súa banda, a Xunta de Galiza como responsable das competencias en materia de vivenda sería a encargada de incorporar o parque residencial ao do Instituto Galego de Vivenda e Solo e da súa posterior xestión. O actual parque de vivendas públicas en Galiza é tan escaso que incorporar as vivendas da Sareb practicamente suporía aumentalo nun 50%. Por tanto, a Xunta de Galiza debe liderar esta reclamación fronte a parálise do Goberno central. Porque quen ten a obriga de velar polo acceso á vivenda dos galegos e galegas non pode ficar en silencio máis tempo. 

Por iso dende o BNG vimos lanzando numerosas iniciativas que reclaman a ambas administracións por fin ao silencio e a inacción. Ben sexa a través da tramitación da nova lei estatal de vivenda, na que reclamamos que se inclúa a cesión das vivendas da Saareb; ben sexa a través do parlamento galego, onde vimos solicitando da Xunta que reclame activamente este fondo e que protexa a todos eses veciños que están sendo acosados pola entidade. Toca agora a ambos gobernos mover ficha e posicionarse: canto tempo máis van permitir esta estafa? @mundiario

Comentarios