Buscar

MUNDIARIO

A reforma electoral de Rajoy para elexir alcaldes é a reforma da falacia

Rajoy negaba a posibilidade de facer reformas electorais sen consenso, e Cospedal, falaba -en circustancias semellantes, cando quería reformar a lei o PSOE- de "auténtico golpe de Estado".

A reforma electoral de Rajoy para elexir alcaldes é a reforma da falacia
Mariano Rajoy, con María Dolores de Cospedal, en una convención del PP en Málaga.
Mariano Rajoy, con María Dolores de Cospedal, nunha convención do PP en Málaga.

Rafael Cuiña

Analista político.

Rajoy negaba a posibilidade de facer reformas electorais sen consenso, e Cospedal, falaba -en circustancias semellantes, cando quería reformar a lei o PSOE- de "auténtico golpe de Estado".

Dicía un home sabio da parroquia na que vivo, que "cun home que non mantén a súa palabra, non me tomo nin a primeira taza"...

Estes días observarán aos popes dos gobernos central e galego, coa complicidade dunha chea de alcaldes interesados, falar da inminencia dunha reforma electoral para as eleccións municipais, que calquera psicoanalista analizaría como unha fuxida cara adiante dos que até agora se crían intocables. Como nas feiras que podemos ver ao través do noso país, o Partido Popular oferta productos de calidade un tanto cuestionable, mentres os seus altovoceiros berran as marabillas da súa compra.

Enganos masivos a unha poboación, que saen de mentes de gurús como Arriola, -asesor de cabeceira dos populares-, e que se basean no puro cálculo electoral, favorable aos intereses dos que poden malear as regras de xogo cando lles convén. Toda a dialéctica destes días dos populares sobre a necesidade de que goberne a lista máis votada, cáese cun simple argumento: se nos cálculos de Arriola, o PP saíse cuantitativamente prexudicado, esa reforma simplemente non se levaría a cabo. Así de simple, e así de miserable.

En febreiro de 2013, Rajoy negaba a posibilidade de facer reformas electorais sen consenso, e a secretaria xeral dos populares, Dolores de Cospedal, falaba en 2007 -en circustancias semellantes, cando quería reformar a lei o PSOE- de "auténtico golpe de Estado", e de reformas que lembraban "aos modos e maneiras de actuar de Hugo Chávez". Agora, dende o poder todo semella mudar. Aquelas proclamas sobre consensos xa non valen, e dende as altas esferas do goberno ameázase con impoñer a súa vontade, en caso de non aceptar a reforma.

Democracia de baixo nível, na que cuestións tan importantes como as leis de educación, ou as propias regras de xogo á hora de acudir a uns comicios electorais, son mudadas en función de quen goberne. A evidente irresponsabilidade que supón esta actitud, non é máis que un reflexo dunha oligarquía política que so pensa nos seus intereses, en moitas ocasións bastardos, antes que no ben común, aproveitándose dunha sociedade adormecida, que intenta subsistir de calquera xeito, mentres os que provocaron a súa ruína campan as súas anchas.

Ou non?