A CRTVG terá para 2015 un orzamento de 106,8 millóns, salienta Sánchez Izquierdo

Alfonso Sánchez Izquierdo.
Alfonso Sánchez Izquierdo.

Unha novidade do capítulo de gastos é a consignación de 8,5 millóns en tributos tras o cambio de criterio da Inspección Tributaria sobre o IVE, explica o director xeral da CRTVG.

A CRTVG terá para 2015 un orzamento de 106,8 millóns, salienta Sánchez Izquierdo

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, expresou no Parlamento que a actual reestruturación societaria dará lugar a unha CRTVG “máis transversal e flexible”. Unha novidade do capítulo de gastos é a consignación de 8,5 millóns en tributos tras o cambio de criterio da Inspección Tributaria sobre o IVE.

“A CRTVG avanza cara unha verdadeira refundación que transformará unha organización cargada de grande simbolismo e identidade en Galicia nunha entidade alixeirada e renovada para seguir sendo líder e motor das industrias culturais e creativas”, segundo manifestou o seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, no Parlamento de Galicia. Referíase así ao proceso de reestruturación societaria en curso da CRTVG cara a figura dunha corporación, tal como está prevista na Lei 9/2011 dos medios públicos de comunicación audiovisual de Galicia. A entidade resultante, engadiu, será “máis transversal, ampla e flexible, tendente a favorecer un maior aproveitamento dos produtos audiovisuais”.

Na súa comparecencia para expor os orzamentos de 2015, Izquierdo sinalou que as contas do ente público “recollen o efecto derivado do marco xeral de contención, o que significa un novo reto”. O orzamento consolidado ascende a 106,8 millóns de euros, dos que a achega da Comunidade Autónoma se situará en 95,8 millóns, tras un aumento de 5,6 millóns, un 6,2%, sobre o ano actual. Sánchez Izquierdo explicou que esta achega suporía o 89,8% dos recursos totais e os ingresos publicitarios, o 7,4%.

Unha novidade do orzamento de gastos deste ano é o capítulo de tributos, no que se consignan 8,5 millóns de euros asociados ao sobrecusto estimado do impacto dun cambio de criterio sobre tributación indirecta na Inspección Tributaria estatal. Este órgano pasou a considerar non deducible a maior parte do IVE das adquisicións das televisións públicas, segundo explicou o director xeral da CRTVG, quen sinalou que tras o trámite de alegacións esta decisión vai ser recorrida polo ente público galego.

Entre as partidas máis importantes salientou que as compras de produción propia externa, con 19,2 millóns de euros, sumarán unha contía un 19,9% superior á do ano anterior, mentres que as compras de produción allea sumarán 1,7 millóns; os dereitos de retransmisións deportivas 1,6 millóns; as dobraxes e subtitulacións, 1,8 millóns, e as producións de interese estratéxico e coproducións sumarán 0,9 millóns de euros.

 O apartado de gastos de persoal mantén a súa tendencia descendente iniciada en 2011 e así as remuneracións, excluídas as provisións para continxencias, redúcense no 1,4%, pasando de 35 millóns en 2014 a 34,5 millóns en 2015, orixinado principalmente pola tendencia “de contención salarial e de optimización dos recursos dispoñibles”, xa que entre outros aspectos se reduciron as substitucións do persoal.

 As contas de 2015 poñen de manifesto, segundo o director xeral da CRTVG, un “elemento característico e recorrente” como é “o alto grao de galeguización” do grupo xa que, en termos xerais, “máis do 90% do orzamento do ente público reverte directamente nos traballadores e no tecido produtivo galego”. 

 Desde o punto de vista tecnolóxico, Sánchez Izquierdo comentou tamén a transcendencia do actual proceso de converxencia dixital, “que obriga --dixo-- a repensar o concepto clásico de radio e televisión polo de servizos audiovisuais,  que xa poden ser en liña ou baixo demanda, todo elo grazas a Internet”.

Comentarios