"Vengo a presentar mi dimisión como ciudadano", un oportuno 'revival'
Se ninguén dimite, teremos que dimitir @s de a pé, @s que observamos con estupefacción como a Constitución da que tanto falan se pervirte día a día na trastenda dos despachos.
Hai un tempo, xa en plena crise, unha boa amiga regaloume un bonito libro que recopila os debuxos do para min descoñecido humorista gráfico Cesc, Francesc Vila i Rufas. Titúlase "Todo va muy bien" e mostra viñetas publicadas polo autor en xornais e revistas dende o ano 1968 ao 1978, por tanto na época da convulsa transición.
O libro é xenial, de apabullante actualidade, de mordaz crítica social e política, e algúns dos debuxos semellan feitos "ad hoc" en cuestións do momento presente.
Seica declarou Cospedal no caso Bárcenas, e diante do desconcerto cidadán e mediático ante o que está ocorrendo, diante desta situación de crise económica e social, non puiden máis que coller o libro e buscar a estampa adecuada para o instante.
Un home de espaldas, máis ben maior, fica diante dunha pequena fiestra que na súa parte superior indica "Censo" e di: "Vengo a presentar mi dimisión como ciudadano".
Se ninguén dimite, teremos que dimitir @s de a pé, @s que observamos con estupefacción como a Constitución da que tanto falan se pervirte día a día na trastenda dos seus despachos. Non estaría mal que en masa acudiramos as multitudes ás oficinas de empadronamento a dimitir como cidadáns, o que sería, certamente, un profundo acto político de desobediencia civil.
Un non sabe se as cousas van cambiar ou non, ou se as oligarquías económicas e políticas están tramando a vella técnica enunciada por Lampedusa: "Se queremos que todo siga como está, é necesario que todo cambie". O que sí sabe é que este sistema político está sustentado sobre nós, e como cidadáns e cidadás, se nos poñemos dacordo, temos un gran poder de decisión, da mesma maneira que o mercado está sustentando sobre consumidores e consumidoras, e como tales, temos sen decatarnos, capacidade de acción se nos confabulamos.
Non hai peor corrupción que a moral. É a que permite as demais, a que lixa os corazóns honrados que non saben dicir que non. É probable que nas esferas do poder haxa corazóns honrados, mais estes deixan de latir cando non só por acción senón por omisión permiten ilegalidades e conductas carentes de ética.
Non podemos tolerar que un representante público minta a millóns de persoas sen que nada pase. Está en xogo avanzar ou retroceder na aínda feble calidade democrática das xentes que moramos ao Sul dos Pirineos. E non hai mellor garantía de democratización que unha cidadanía forte, crítica e esixente. De cidadáns e cidadás que se indignan, actúan e con frustración e simbolicamente autodimiten da súa condición de cidadáns súbditos para seren cidadáns máis libres.