TVG e RTP portuguesa realizarán por primeira vez na súa historia un programa conxunto

Alberto da Ponte, presidente da RTP, e Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, na sinatura do convenio o ano pasado. / RTVG
Alberto da Ponte, presidente da RTP, e Alfonso Sánchez Izquierdo, director xeral da CRTVG, na sinatura do convenio o ano pasado. / RTVG

Na tarde do 6 de setembro, emitirán en directo o magazine “Aquí Portugal”, producido desde Ourense. O espazo de música, entrevistas e reportaxes terá unha audiencia potencial de 13 millóns de persoas.

TVG e RTP portuguesa realizarán por primeira vez na súa historia un programa conxunto

Na tarde do 6 de setembro, as dúas televisións públicas emitirán en directo o magazine “Aquí Portugal”, producido desde Ourense. O espazo de música, entrevistas e reportaxes terá unha audiencia potencial directa de 13 millóns de persoas.

A Televisión de Galicia e a Rádio-Televisão de Portugal (RTP) darán un paso histórico na súa colaboración mutua coa realización e emisión en continuo directo o vindeiro día 6 dun programa conxunto, segundo acordaron os responsables de ambas canles públicas. Este especial producirase desde un set instalado na Praza Maior de Ourense con motivo da festividade local dos Remedios, e consistirá nunha edición do magazine “Aquí Portugal”, que desde hai anos se leva emitindo con grande éxito as tardes dos sábados na canle lusa, e semellante ao “Aquí Galicia” que TVG empezou a emitir o pasado mes de xuño.

O equipo de produción da TVG está xa a colaborar co da RTP para resolver as necesidades técnicas e perfilar os contidos deste programa que consta de actuacións musicais, entrevistas e reportaxes na compaña dos veciños que se queiran achegar e ocasionalmente participar no propio espazo, o cal contará con presentadores de ambas as dúas canles. O proxecto conta ademais co apoio activo do Concello de Ourense e da Fundación San Rosendo.

Deste xeito, será a primeira vez que se emita un programa conxunto e en boa parte simultáneo entre as dúas entidades, e ao se ofrecer polas primeiras canles de TVG e RTP contará coa audiencia potencial directa dos 13 millóns de persoas que suman as poboacións de Galicia e Portugal. A estes pódense engadir os seguidores das canles internacionais de ambas organizacións, que chegan á ampla comunidade lusófona no mundo así como á diáspora galega.

A iniciativa do vindeiro día 6 enmárcase nos acordos de colaboración vixentes entre CRTVG e RTP, desde que o ano pasado o director xeral da primeira, Alfonso Sánchez Izquierdo, e o presidente da segunda, Alberto da Ponte, asinasen en Santiago un convenio de colaboración que abrangue o intercambio de informacións e producións, así como o desenvolvemento de proxectos conxuntos, entre outras cousas.

Comentarios