Semella acaído lembrar as angueiras, as bandeiras dos nosos pais en Galicia

Imagen de postguerra. / iberiahispaniasefaradalandalus.wordpress.com
Imagen de postguerra. / iberiahispaniasefaradalandalus.wordpress.com

As xeracións dos nosos pais tiveron claro que o futuro pertencía ás políticas da convivencia. E que cumpría evitar un conflito como o que determinou a súa neneza e xuventude.

Semella acaído lembrar as angueiras, as bandeiras dos nosos pais en Galicia

As xeracións dos nosos pais e nais  tiveron claro que o futuro pertencía ás políticas da convivencia e da tolerancia. E que cumpría evitar, como fór, un conflito como o que determinou a súa neneza e xuventude.

As xeracións das persoas nadas entre 1925 e 1940 estaban chamadas a integrar Galicia no concerto da Europa moderna, tendo en conta o grande crecemento económico e social de Galicia entre 1898 e 1936. Mais a guerra tronzou a súa neneza e pasaron fame e privacións , mentres Galicia retrocedía medio século. A xeración dos nosos pais traballou até máis aló do cansazo para soerguer o país e darnos unha oportunidade aos seus fillos.

Galicia viviu, no tempo que vai dende a guerra de Cuba do 1898 á guerra civil do 1936, un tempo de acelerado desenvolvemento económico nalgúns sectores, en grande parte xerado pola repatriación de capitais de Cuba e polas achegas dos nosos emigrantes en América, que activou un grande progreso social e cultural. Velaí que os galegos e galegas nados entre 1925 e 1940, aproximadamente, estaban chamados a protagonizar a continuidade deste proceso de desenvolvemento, incorporando o noso país ao concerto da Europa moderna.

Mais a guerra, que estas xeracións non fixeron, mais si sofriron, mancou este proceso. No 1940 volveu a fame. E aqueles nenos máis privilexiados da postguerra -coma os meus pais- que non coñeceron esta fame física viviron as privacións económicas, as frieiras e as limitacións á súa educación e desenvolvemento como persoas. Nas cidades galegas as mulleres da xeración das nosas nais perderon aqueles progresos na igualdade que acadaran as nosas aboas. Ás privacións económicas engadíase a represión política e  a vixilancia sobre as condutas cotiáns. Aquel país que medraba nos 30 retrocedera medio século por volta de 1953.

Malia estas privacións, os nosos pais traballaron na longa noite de pedra máis aló do límite das súas forzas para que os seus fillos tiveramos a oportunidade que a guerra negaralles. O plan de estabilización do 1959 forzou a ducias de milleiros outravolta á emigración. As crianzas ficaron no País cos seus abós e moitos deles, nenos sen pais nos 70, souberon responderlles ao sacrificio e hoxe protagonizan a Universidade, a empresa ou a sanidade. Outros pais tiveron de enfrontar, despois da transición, o andazo da droga e da sida nos seus fillos. E moitos destes, compañeiros nosos, morreron por centos antes dos seus pais.

As xeracións dos nosos pais e nais  tiveron claro que o futuro pertencía ás políticas da convivencia e da tolerancia. E que cumpría evitar, como fór, un conflito como o que determinou a súa neneza e xuventude. Velaí que hoxe semelle acaído lembrar as angueiras, as bandeiras dos nosos pais. Malia que só fose  para aprender delas no próximo futuro.

Comentarios