Entre a romaxe viquinga de Catoira e a entrada á Peregrina de Pontevedra

Festas en Galicia, nótase que é agosto: sen necesidade de moverse moitos quilómetros hai unhas cantas decenas entre as que elixir. Chega unha nova cronista a edición de Galicia de MUNDIARIO.
Festas en Galicia, nótase que estamos en agosto: sen necesidade de moverse moitos quilómetros hai unhas cantas decenas entre as que elixir.
Primeiros días de agosto, desta época vacacional onde o que se define como descanso pasa a ser un ir e vir incansable e esgotador de decisións vanales e complicadas como "que facer ou onde ir hoxe?" pasan a ser unha das maiores preocupacións diarias.
Entre o onde ir están as festas, sen necesidade de moverse moitos quilómetros hai unhas cantas decenas entre as que elixir.
Neste primeiro fin de semana a elección estivo entre a romaxe viquinga de Catoira e a entrada á Peregrina de Pontevedra.
En Catoira ponse en escena a invasión dos viquingos de miles de anos atrás. Un dos momentos máis esperados é a chegada dos viquingos a bordo dun dos seus barcos polo río Ulla. Chegando á beira desembarcan e hai un combate cos catoirenses aos pés das Torres do Oeste. Lóitase e deféndese; gáñase e pérdese; trabállase e gózase e... bébese, litros e litros de viño para mollarse por dentro e por fóra.
Mentres isto acontece en Catoira, en Pontevedra empeza a primeira corrida de touros, onde dende sempre se xuntan peñas de amigos vestidos coa mesma camiseta e complementados coas botas de viño.
Os rapaces da zona non van aos touros pero fan súa o costume de levar camisetas imprimidas con todos os nomes dos que pertencen á súa peña e unha frase ou un nome pasado para o efecto de tal día (o ano pasado gustoume unha na que a palabra elixida era "the bootles" e o debuxo era unhas botellas con pernas cruzando un paso de peóns cos mesmos pasos que o fixeron os Beatles para a portada de Abbey Road.)
O autobús de Marín a Pontevedra pasa a ser o barco dos catoirenses; as escaleiras do Liceo transfórmanse en Torres do Oeste; as rúas de Pontevedra convírtense nun Ulla de viño e ouriños; cántase e discútese; rise e chórase, e non por ser unha representación, senón os efectos das borracheiras.