Moreas de cascalho das obras do AVE circan fermosas montañas

Unha tuneladora.
Unha tuneladora. / Mundiario

Galiza, como se evidencia no escachante minifundismo dos tres aeroportos, as tres universidades e así, debe salvar e impor a sua esencia. Galiza, a nosa Galiza, é un-ha aldea.

Moreas de cascalho das obras do AVE circan fermosas montañas

Se isto é o que fixeron de Galiza, que O Demo os leve. Vimos de Portocamba, en Castrelo do Val (Ourense), berce inesquecível dun-ha boa parte da nosa familia, e vimos tocados das asas do AVE, cuxo enlace con Zamora está a provocar desfeitas impunes, só posíveis sobre quen seguimos a dicir que chove, cando mexan por nós.

Moreas de cascalho das obras do tren de grande velocidade circan fermosas montañas, vales e aldeas, con aspecto lonxano de salinas, mas sen beneficio algún.

As empresas valoran as leiras e os eidos á baixa, e amais as pagan tan tarde que parece nunca.

Mentres, as tuneladoras soterran a inminente liña, anque non son poucas as casas nas que se abren fendas.

A propaganda oficial, pois, fala de que os entulhos desaparecerán, nun milagre de “recuperación paisajística”, no mellor dos casos, restauración paisaxística.

O panorama é bélico. Entre os destragos da técnica e o nefasto pasado meiosecular do século XX, cando os emigrantes confundían modernización con urbanización, o campo non se puxo, sen deixar de ser campo, á altura das vilas, senón que as vilas da burbulha de tixolo invadiron e desnaturalizaron a terra.

As nosas casas de pedra, telhados de pizarra e trabes de madeira derrubáronse, mentres os antigos moradores, extrañados todo o ano, facían vivendas-caixós, á carreirinha dun can das velhas ruas, nun exercicio inconsciente de badoquismo.

Galiza, como se evidencia no escachante minifundismo dos tres aeroportos, as tres universidades e así, debe salvar e impor a sua esencia. Galiza, a nosa Galiza, é un–ha aldea.

 

Comentarios