O Goberno de Rajoy mantén nun estado lamentable a vía con máis tráfico de Galicia

Protesta en Oleiros contra o Goberno de Mariano Rajoy. / Mundiario
Protesta en Oleiros contra o Goberno de Mariano Rajoy. / Mundiario

"Parécenos insultante a política que Fomento mantén coa comarca da Coruña. A N-VI é a vía con máis tráfico da comarca e de Galicia cun tránsito de 100.000 vehículos diarios", sinala o alcalde de Oleiros. 

O Goberno de Rajoy mantén nun estado lamentable a vía con máis tráfico de Galicia

"Parécenos insultante a política que Fomento mantén coa comarca da Coruña. A N-VI é a vía con máis tráfico da comarca e de Galicia cun tránsito de 100.000 vehículos diarios", sinala o alcalde de Oleiros. 

O Goberno local de Oleiros de Alternativa dos Veciños levou a cabo un acto de protesta en contra da situación de abandono á que someten os gobernos estatal e autonómico ás vías supramunicipais ao seu paso por este municipio situado á entrada da Coruña. Nas inmediacións da ponte da Pasaxe realizouse unha representación da visita da ministra de Fomento, Ana Pastor, mentres o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, expoñía as principais deficiencias da N-VI ao seu paso polo municipio. Así mesmo, o alcalde solicitaba a execución dos proxectos de mellora redactados para os puntos máis conflitivos, como a ampliación da Pasaxe ou o soterramento da vía ao seu paso por Solymar e O Carballo.

A ministra An Pastor contestou con evasivas ás reiteradas solicitudes do rexedor. "Se podemos, podemos. Non prometo nada", sinalou. Tras a improvisada reunión, ambos despregaron unha gran pancarta na que se podía ver o presidente do Goberno, Mariano Rajoy, caricaturizado sobre a ponte da Pasaxe mentres os coches que transitaban pola infraestrutura acababan nun embude.

Unha vez rematada a representación, o alcalde explicou os motivos da protesta. "O motivo deste acto está moi claro: parécenos insultante a política que Fomento mantén coa comarca da Coruña. Esta estrada é a vía con máis tráfico da comarca e de Galicia cun tránsito de 100.000 vehículos diarios", sinalou.

Tres graves problemas 

"A N-VI presenta tres graves problemas que están sen resolver desde o ano 1998. A ponte da Pasaxe, Solymar e O Carballo", concretou o rexedor. "Existen proxectos e había cartos para executalos. Diñeiro que foi gastado noutras obras do país deixando de lado proxectos tan necesarios como a obra do Carballo", concluíu. Respecto a esta obra en concreto, o alcalde denunciou que o Ministerio está devolvendo o solo expropiado para a ampliación e esixindo o diñeiro cos intereses.  "Algo que é totalmente ilegal", indicou.

En relación ao necesario soterramento en Solymar, o alcalde García Seoane sinalou que é unha vergonza e un insulto á cidadanía a situación que presenta a N-VI neste punto debido aos atascos que nel se forman a diario. Ademais, o mandatario oleirense criticou o anuncio electoral da ampliación da ponte que considerou insultante que "se engane a cidadanía dunha forma tan cruel". Por último, referiuse á necesidade de incrementar as medidas de seguridade para peóns na AC-173 e á conclusión da inconclusa vía Ártabra, proxectos que dependen da Xunta de Galicia.

Comentarios