A Galicia perxudícalle que España opte polo capitalismo financeiro e concesional

Suso de Toro. / salmonetesyanonosquedan.blogspot.com
Suso de Toro. / salmonetesyanonosquedan.blogspot.com

Escrebiu Suso de Toro que Galicia era un país pequeno de máis como para levarse mal. Mais sendo un pequeno país sobardamos canto á poboación e PIB ás bálticas Lituania, Letonia e Estonia.

A Galicia perxudícalle que España opte polo capitalismo financeiro e concesional

A recentralización económica madrileña e o desprezo de España polo capital produtivo e industrial, no canto do priorizado capital concesional e financeiro, impiden a concreción destas oportunidades e empobrecen Galicia.

Galicia conta cunha dimensión moi semellante á de países prósperos como Uruguai, Gales ou Eslovenia e podería enfrontar importantes oportunidades estratéxicas se contase cunha capacidade de decisión sobre a súa enerxía, sectores económicos ou infraestruturas portuarias, viarias e aeroportuarias. A recentralización económica madrileña e o desprezo de España polo capital produtivo e industrial, no canto do priorizado capital concesional e financeiro, impiden a concreción destas oportunidades e empobrecen Galicia.

Escrebiu Suso de Toro que Galicia era un país pequeno de máis como para levarse mal. Mais sendo un pequeno país sobardamos  canto á poboación e PIB ás bálticas Lituania, Letonia e Estonia e temos unha dimensión semellante ás prósperas  Gales, Uruguai ou Eslovenia.

Sermos os primeiros en sofrir as politicas de austeridade agravou substancialmente o desemprego dos nosos titulados e a destrución de emprego industrial  e autónomo. A Grande Recesión e a recentralización madrileña, moi asociada na comunicación ao duopolio televisivo A3Media-Mediaset, no financeiro ao Santander, Bankia e BBVA e no concesional ao capitalismo do Ibex 35, fanou gravemente o sector galego de servizos. As grandes campañas de publicidade desenvólvense hoxendía case exclusivamente  nos media estatais con sede en Masdrid e só o 24% dos proxectos de consultoría e enxeñería desenvolvidos en Galicia contrátanse ás empresas galegas do sector, condenadas ao peche ou á busca á desesperada de mercados exteriores. Mentres, sofrimos o combustíbel máis caro do  Estado, o que explica o peche de máis dun milleiro de empresas galegas de transporte nos últimos anos.

Porén, Galicia ten oportunidades. Velaí o levantamento do veto á construción civil naval en Navantía-Fene (algún día escribirase a crónica desta traizón de Aznar a Galicia) ou ás grandes posibilidades dos nosos portos no novo escenario do transporte marítimo que se abrirá, nuns tres anos, coa apertura da nova canle de  Panamá. Somos unha potencia enerxética sometida a unha regulación allea e absurda. A riqueza potencial da  produción alimentaria, os sectores mar-industria e monte industria e os recursos para construir unha prestixiosa Marca-País (milleiros de persoas aínda novas moi ben formadas, o camiño de Santiago, a lusofonía, a rede galega no exterior) son grandes oportunidades estratéxicas.

Mais estas oportunidades non se poden desenvolver no marco actual, porque España centraliza as decisións substanciais e  prefire o capitalismo financeiro e concesional ao produtivo e industrial. Velaí a necesidade de garantirmos unha capacidade de decisión en infraestruturas, economía e fiscalidade que hoxe non temos, para lle dar contido a estas potencialidades e recursos que moitos outros no mundo desexarían para si propios.

Comentarios