Galicia está cansa de gobernos que deixan queimar os seus montes un ano máis

Restos de un incendio en Galicia.
Restos dun incendio en Galicia.

O país tamén está canso de gobernos de incompetentes que non fan política de prevención, ou de promesas que están no limbo dos crédulos sobre solucións ao sector naval.

Galicia está cansa de gobernos que deixan queimar os seus montes un ano máis
Vivimos nun país de contrastes, no que a falla de coherencia é un mal endémico, propagado por cada recuncho da terra de Breogán. Falo disto, porque no mes de agosto, a práctica desaparición da primeira liña de “combate” da caste política, é un reflexo perfecto dunha sociedade ávida de que chegue unha “revolución”, mais que a empecen outros…

Non quero caer no populismo barato, nin sequera na demagoxia que tanto observo en declaracións baleiras e en achegas imposibles nestes días, mais o que un non pode entender é como os representantes públicos dun país en coma inducido, poden nas súas conciencias permitirse un descanso non merecido, mentres a poboación sufre pola xestión durante décadas dun Sistema inxusto, e dunha caste política mediocre. Seguramente algúns pensarán que a “brigada de demolición” non debe ser tan vixiable no mes de vacacións por excelencia, ou que os “recortes que matan xente”, deben ser menos nos nosos hospitais, aínda que aumente exponencialmente o tempo de lista de espera para operarse. 

Un, que ten obsesivo seguimento da información, e do que acontece día a día na nosa terra, está farto de gobernos de incompetentes que non fan política de prevención e deixan queimar os nosos montes un ano máis, ou de promesas que están no limbo dos crédulos sobre solucións ao sector naval, nas que o termo PEMEX semella simplemente o carteliño que algún deixou posto ás portas do averno. Por non falar de dirixentes dándose golpes no peito por unhas cifras de desemprego que son vergoñentas e que tentan tapar outras, como as da afiliación á seguridade social, que son as que reflicten dramas diarios, e compatriotas que xa intentan afogar as súas penas en terras alleas. Mais non nos enganemos, este agosto so vin polo bando da oposición a dúas forzas traballando por este país, o BNG e, na súa modestia actual, Compromiso por Galicia. Ambas fixeron unha labor auténtica de oposición, mentres outros vagaban entre o solpor da Galicia caribeña que nos tocou este ano, e a incapacidade para ofrecer alternativas a este país.

Os galegos deberían tomar boa nota de tanto falabarato invernal, desaparecido cando quenta o sol, porque unha sociedade constrúese diariamente, e mentres algúns gañaron o dereito ao descanso co seu esforzo, outros, seguramente porque vai no seu ADN, simplemente demostran que non están á altura das necesidades de este país, e polo tanto pasan á categoría de prescindibles…

Ou non?

Galicia está cansa de gobernos que deixan queimar os seus montes un ano máis
Comentarios