O debate televisivo das noites en Galicia volve con Foro Aberto na tvG2

Encinas Ramos e Antón Galoxa conducen Foro Aberto. / Mundiario
Encinas Ramos e Antón Galoxa conducen Foro Aberto. / Mundiario

Encinas Ramos e Antón Galocha relevan a Carlos Luís Rodríguez e Pablo Acción. No debate deste luns estarán María Méndez, Javier González Méndez, José Manuel Rubín e José Luis Gómez.

O debate televisivo das noites en Galicia volve con Foro Aberto na tvG2

Encinas Ramos e Antón Galocha relevan a Carlos Luís Rodríguez e Pablo Acción. No debate deste luns estarán María Méndez, Javier González Méndez, José Manuel Rubín e José Luis Gómez.

Despois da paréntese estival, a análise e o debate e a actualidade cultural volven á segunda canle da Galega coa estrea dunha nova temporada dos programas Foro Aberto e ZigZag Diario, dous espazos de referencia e xa plenamente consolidados na grella da tvG2.

Foro Aberto abre este luns unha temporada marcada pola renovación máis ampla dos seis anos que leva en antena. As novidades quedarán patentes desde os primeiros intres cos cambios na presentación, confiada a dous xornalistas de primeira liña e de dilatada experiencia no medio televisivo e na canle pública galega. Antón Galocha asume o labor de condutor dos debates, co apoio de Encina Ramos na introdución dos asuntos que se aborden coa misión de contextualizalos.

Encinas Ramos e Antón Galocha relevan a Carlos Luís Rodríguez e Pablo Acción. No debate deste luns estarán María Méndez, Javier González Méndez -columnista de MUNDIARIO-, José Manuel Rubín e José Luis Gómez, editor deste xornal.

"Haberá novidades tamén no propio tratamento dos temas, coa vontade de facer un programa máis dinámico e ameno, sen renunciar a unha análise en profundidade da actualidade. Outro reto para a nova temporada é o de ampliar o abano de asuntos a tratar, con máis contidos de carácter social", comentan desde a TVG.

A renovación estenderase tamén á nómina de colaboradores do Foro Aberto, coa incorporación de novos analistas para ofrecer unha visión máis ampla e plural dos acontecementos. Neste sentido, reforzarase tamén a participación feminina para darlle maior protagonismo á muller e visibilizar o labor das que exercen o xornalismo ou teñen presenza no eido da opinión desde outras profesións.

Finalmente, os espectadores tamén percibirán cambios no aspecto técnico, coa incorporación de novos sistemas de presentación de temas, que inclúen un repaso ás primeiras páxinas dos xornais que estarán ao día seguinte nos quioscos de prensa. O que no se vai modificar é a canle e o horario de emisión. Foro Aberto estará puntualmente coa súa audiencia na tvG2 de luns a xoves entre as 22.45 e as 23.55 horas.

ZigZag Diario

ZigZag Diario , o programa de referencia da cultura en Galicia, volve este luns á tvG2 despois do merecido descanso do verán. A actualidade das artes e as propostas dos creadores galegos manteñen un lugar de seu na grella da canle autonómica con este espazo que presenta Pilar G. Rego.

Seguindo a fórmula xa coñecida pola audiencia, este luns o programa dedícase á literatura e recibirá a visita no estudio de gravación do escritor Jorge Llorca, cuxa última novela, O violín de Rembrant, recibiu o Premio Blanco Amor na súa última edición. O autor ferrolán, quen goza tamén dunha sólida traxectoria como artista plástico, afianza tamén a súa andaina no mundo editorial, onde entrou coa publicación do libro de relatos O salto do can.

Outra das propostas literarias nas que se deterá ZigZag Diario é Reo, unha novela de Xesús Fraga, gañadora do premio Raíña Lupa de literatura infantil e xuvenil, cuxo argumento xira sobre un rapaz adolescente que manifesta as súas inquedanzas a través da cultura urbana.

Ademais, o espazo da segunda canle da Galega lembrará o poeta Manuel María no décimo aniversario do seu falecemento. A Fundación que leva o seu nome organiza este martes na Coruña o acto central de homenaxe cunha actuación de Nova Galega de Danza, que estreará dúas pezas con poemas do autor chairego e prepara a publicación de dous novos libros inéditos.

Comentarios