Anxo Calvo: Lamento moitisimo a desaparición das caixas de aforro en Galicia

Anxo Calvo. / J.R.
Anxo Calvo. / J.R.

MUNDIARIO entrevista a Anxo Calvo, decano de Economía da Universidade da Coruña. A precariedade laboral, o Estado de benestar ou a importancia do sistema financeiro son algúns dos temas que analiza.

Anxo Calvo: Lamento moitisimo a desaparición das caixas de aforro en Galicia

MUNDIARIO entrevista a Anxo Calvo, decano de Economía da Universidade da Coruña. A precariedade laboral, o Estado de benestar ou a importancia do sistema financeiro son algúns dos temas que analiza.

 

Vivimos nun periodo e nunha etapa da historia na que a economía volveuse un dos temas que máis preocupan á sociedade. As campanas da recuperación fai tempo que as escoitamos pero é necesario que esas mellorías cristalicen en novas propostas que aseguren unha recuperación estable e duradeira e non se queden só en solucións a curto prazo. Por iso, a precariedade laboral, a propia supervivencia do Estado de benestar ou a importancia do sistema financeiro son alguns dos temas que analizamos nesta entrevista, co obxectivo de coñecer un pouco máis acerca do estado real da nosa economía e dos aspectos clave que a caracterizan neste contexto de crise que vivimos na actualidade.

Anxo Calvo Silvosa é doutor en Ciencias Económicas e Empresariais e decano de Economía na Universidade da Coruña. Foi Director Xeral de Enerxía, Industria e Minas da Xunta de Galicia e actualmente imparte clases na UDC.

- Podería facer un balance da situación económica actual en España, en que punto nos atopamos e cara a onde nos diriximos?

- Penso que a española foi unha das economías europeas que sufriu a crise con maior intensidade debido a que estouparon asemade as burbullas financeira e inmobiliaria. Un modelo de desenvolvemento excesivamente apoiado no sector da construción e do turismo e con poucos referentes industriais de importancia que finalmente fracasou. Ademais, as consecuencias foron particularmente negativas en termos de crecemento do desemprego e aumento da desigualdade e da pobreza. Hoxe temos unha sociedade empobrecida, con maiores índices de desigualdade no reparto da riqueza e con menores coberturas sociais. Servizos públicos básicos como a sanidade e a educación están ameazados por procesos de privatización máis ou menos explícitos e isto pode provocar un agrandamento na fenda entre ricos e pobres. Porén, e despois de todos estes anos de dificultades, parece que se poden albiscar algúns indicios, na miña opinión aínda moi febles, de recuperación do PIB e de superación dos problemas de finaciación nos mercados a través da débeda pública. Non obstante, hai nubeiros negros no horizonte que preocupan: o volume de débeda pública é prácticamente o 100% do PIB español, o consumo interno logo da intensa perda de poder adquisitivo da clase media non está a actuar aínda como motor da recuperación e o saldo entre importacións e exportacións non permite chegar a resultados concluíntes sobre a súa achega ao crecemento do PIB.

- Como está a dicir, hai pouco que soubemos que a débeda española é prácticamente o 100% do PIB. Como vai afectar iso as xeracións do futuro? pode afectar ó Estado de benestar?

- Eu tiña un vello profesor de Dereito que dicía: “Deber non é malo, o problema está en non pagar”. O volume de débeda pública é o resultado dos déficits acumulados nos últimos anos a consecuencia da crise. Hai tan só uns meses, o custo desta débeda estaba nuns niveis insoportables tanto para o Estado español como para o conxunto da Eurozona. Honestamente, ignoro a que distancia real estivo España de declarar unha bancarrota por imposibilidade de pagar os xuros e a devolución do principal. O feito de que a débeda española suba até igualar o PIB indícanos que a economía española está nunha situación vulnerable e que se poden repetir as turbulencias vividas no pasado recente. Preocúpame en particular que haxa que emitir nova débeda para afrontar as obrigas derivadas da actual. Isto evidencia a necesidade de activar políticas que freen o seu crecemento e permitan xerar recursos pola vía do crecemento. Na miña opinión, tentar abordar o problema da débeda e do déficit só con políticas de austeridade é actuar contra o sentido común. En resumo, e con independencia da herdanza que lles podamos transmitir ás xeracións futuras, parece que o propio Estado do Benestar non se pode permitir o seu financiamento a través de incrementos de débeda até niveis insoportables.  É evidente que o seu propio futuro estaría seriamente comprometido.

- Cómpre un novo modelo económico? Se é así, cal pensa que podería ser unha opción é en que debería basearse?

- Ao meu xuízo, o novo modelo de desenvolvemento debe conciliar tres dimensións claves: a económica orientada ao crecemento, a ambiental para a preservación do contorno e a social, dirixida a cohesión social e a loita contra a pobreza e as desigualdades. Vamos ver, isto non é nada novo, mais no tempo en que vivimos faise absolutamente necesario lembrar que o desenvolvemento no longo prazo e a propia supervivencia do sistema de mercado esixen considerar de maneira conxunta estes tres aspectos. Temos que fuxir de fundamentar a competitividade das nosas empresas, e por extensión da nosa economía, nunha estrutura de custos laborais baixos. Iso só contribúe a crear un espellismo de competitividade e eficiencia a curto prazo. Para min, o cerne da cuestión é apostar decididamente pola creación de coñecemento básico, de ciencia, e a súa aplicación no desenvolvemento tecnolóxico útil para que as empresas gañen competitividade e eficiencia nos seus procesos, creando produtos a través da innovación. Neste contexto, sería interesante potenciar a relación entre a Empresa e a Universidade, que penso que se converteu nunha necesidade estratéxica clara e sería importante que a Universidade tivese un financiamento público similar ao que teñen as dos países de referencia do noso contorno. Isto permitirá a necesaria reindustrialización da nosa economía a través da incorporación dos froitos do I+D+I aos procesos industriais. Na miña opinión, volver a pór o acento na economía produtiva e na xeración de produtos e servizos de alto valor engadido é promover que as empresas que están nesta dinámica gañen dimensión para conseguir unha maior internacionalización das súas actividades e posibilitarán retomar o camiño do crecemento e do emprego de calidade cunhas bases máis sólidas que as que tivo até este momento.

- Que sectores deberiamos potenciar para ter unha recuperación máis estable e máis duradeira?

- España e Galicia deberán fixar prioridades e potenciar aqueles sectores onde esta idea de reindustrialización intelixente poda acaer mellor. Pensemos no sector da alimentación, da enerxía ou do consumo, como por exemplo o téxtil, que xa leva varios anos nesta dinámica. Obviamente, todo o sector servizos incluindo o sistema financeiro e a actividade da administración pública, deberían apoiar este enfoque estratéxico. Tal vez conveña insistir en que as medidas de austeridade por si soas non van propiciar este cambio e que a Unión Europea precisa de maneira inadiable apostas audaces para estimular a economía nesta liña. Entendo que a situación é tan complexa que dá a sensación de que os vellos manuais poden estar obsoletos, porén, é preciso buscar a combinación de políticas de oferta e demanda para que no medio prazo se poida conseguir o cambio preciso para colocar a economía na dirección correcta de crecemento. Isto xeraría un círculo virtuoso de crecemento equilibrado, que redundaría no benestar do conxunto da sociedade. É fundamental que o Estado, a través dun sistema fiscal robusto, progresivo e xusto, garante a suficiencia dos ingresos a través principalmente dos impostos e a eficiencia no gasto, asegurando a redistribución da renda e a cohesión social por medio da provisión de servizos públicos de calidade. Na miña opinión, a Europa do euro debe propiciar que todas as súas economías transiten por este camiño, o que fai preciso dar pasos cara á normalización fiscal en toda a UE e a eliminación dos paraísos fiscais.

- Vén de mencionar de maneira rápida o sistema financeiro dentro da túa proposta. Podía comentar algo máis sobre a súa importancia na saída da crise?

- Si, anteriormente sinalei que a crise se veu agravada polo estoupido da burbulla financeira. Poderiamos agora falar sobre como se xerou tal situación e como se colocou a economía mundial ante o abismo por unha desregulación calculada da actividade financeira, por un fallo xeneralizado dos mecanismos de control, pola cobiza criminal de directivos sen principios nin ética... En España vivimos unha profundísima reestruturación do sector das entidades de crédito que rematou coa práctica desaparición das caixas de aforro e a concentración do negocio bancario nun pequeno número de entidades. É posible que o deseño deste proceso fose previo á mesma crise, mais, en todo caso, é innegable que a gravísima situación pola que pasou a economía española propiciou a reforma deste sector. Gustaríame sinalar que lamento moitisimo a desaparición das caixas de aforro do panorama financeiro en España e, en particular, en Galicia. Historicamente xogaron un papel moi relevante na canalización do aforro das familias cara ao investimento e na creación de emprego nos seus territorios de actuación, creando desenvolvemento e prosperidade. A súa obra social contribuíu a dinamizar a educación, a cultura e as infraestruturas en cidades e vilas. Porén, coido que no marco desta entrevista pode resultar máis interesante dende o punto de vista económico reflexionarmos sobre cal debe ser a función do sistema financeiro no tempo que agora comeza.

- Que papel debería xogar entón o sistema financeiro neste momento concreto?

- Coido que é fundamental que o sistema financeiro retome a súa actividade esencial de facilitar de xeito eficaz o contacto entre oferentes e demandantes de fondos. Este sistema, que está integrado polos mercados e intermediarios financeiros, desenvolve un papel clave ao canalizar o aforro cara ao investimento e posibilitar deste xeito os intercambios na economía. Á recuperación económica neste momento cómprelle que as empresas poidan financiar os seus proxectos viables e actividades en curso e os particulares poidan, na medida das súas posibilidades, utilizar o financiamento nos seus actos de consumo. Isto significa que os mercados financeiros han de operar con transparencia, cunha regulación clara e con controis rigorosos para evitar os excesos e os escándalos dos últimos tempos. As institucións tales como o sistema bancario deberían concentrar o seu negocio de activo no financiamento da economía real, é dicir, proxectos de investimento viables e rendibles con capacidade de xerar valor e emprego, e abandonar definitivamente as iniciativas de alto compoñente especulativo, que tan caras saíron a toda a cidadanía. Non se trata de apancar financeiramente as empresas de maneira irresponsable e excesiva, senón de procurar que cunha acaída combinación de fondos propios e alleas, se poidan desenvolver actuacións da mellor maneira posible.

- A precariedade laboral provocada pola crise, é unha situación pasaxeira ou veu para ficar?

- Iso depende do camiño que colla a nosa economía. Como dixen anteriormente, paréceme un erro fundamentar a competitividade da economía nos salarios baixos, na deterioración das condicións de traballo e na precariedade laboral. Isto levaríanos á destrución de capital intelectual e a fuga das persoas de maior capacitación e formación cara aos países do noso contorno onde as condicións laborais sexan substancialmente mellores. Para min a cuestión central é deseñar un sistema de relacións laborais que concilie o dereito dos traballadores a un salario atractivo acorde á función que desenvolven e a unhas condicións dignas de traballo e estabilidade. Isto permitiría reter e incrementar o capital intelectual e fortalecer a competitividade das empresas. A existencia de traballadores xustamente pagados e implicados na marcha das súas empresas contribúe a que emprendan proxectos persoais no longo prazo, como por exemplo fundar unha familia, con evidentes efectos positivos sobre o conxunto da economía. Pero o comportamento das organizacións empresariais e sindicais observadas no últimos tempos non anima a ser moi optimistas neste ámbito. O curto-pracismo, o vantaxismo e a miopía son un andazo entre os axentes sociais. Desequilibrar a balanza para unha banda ou para a outra podería traer unhas eivas capaces de comprometer o futuro da nosa economía e de afundir a feble recuperación. 

- Unha derradeira pregunta: cando poderían as economías domésticas notar algunha melloría?

- Non é unha pregunta doada de responder. Como xa dixen, neste momento existen sinais de que a recuperación pode estar a comezar. Son sinais moi febles acompañadas de nubeiros preocupantes que dependendo das decisións que se adopten poden consolidarse ou esvaecerse. Para min, a cuestión central é que os empresarios de verdade, innovadores e capaces de asumir riscos, sexan quen de potenciar os proxectos que están a desenvolver actualmente e, sobre todo, de acometer canto antes novos proxectos empresariais dentro das liñas que sinaladas antes. Isto pódeno facer en solitario ou, preferiblemente, creando redes amplas de colaboración con outros. Para isto, as administracións públicas deberán apoiar a xogada creando un marco institucional e regulatorio apropiado e atractivo a nivel internacional, que lles dea confianza e lles clarifique as regras de xogo. O sistema financeiro apoiará os proxectos achegando os recursos nunhas condicións e a uns custos que favorezan a súa implantación e desenvolvemento.  O sistema de creación e difusión do coñecemento, as universidades esencialmente, achegarán a este proceso profesionais cualificados formados na súas aulas e recursos tecnolóxicos para reforzar a competitividade das empresas no contorno internacional. Nese momento, entraremos no círculo virtuoso da creación de emprego de calidade, da xeración de valor con distribución de rendas entre os diferentes axentes, no impulso do consumo, no saneamento real das finanzas públicas e na corrección dos desequilibrios sen renunciar ao Estado do Benestar. Neste momento, as economías domésticas, todos nós en definitiva, teremos constancia de que a crise forma parte da Historia.

Anxo Calvo: Lamento moitisimo a desaparición das caixas de aforro en Galicia
Comentarios