Son feminista

Janusz Korwin-Mikke. / Mundiario
Janusz Korwin-Mikke. / Mundiario

Para vincular machismo e violencia observemos que nas declaracións de señor Korwinn-Mikke aparecemos as mulleres como pequenas e débiles, é dicer, susceptíbeis de ser abatidas pola forza dun macho adestrado no exercicio da potencia física.

Parecía que xa non era preciso facer declaracións nen celebrar –reivindicando– o Día Internacional da Muller (antes da Muller Traballadora). Semellaba que unha vez logrados dereitos formais, o resto sería cuestión dun proceso máis ou menos longo pero xa de sentido diario e privado. Isto parecía ou aparentaba parecer. So víamos interrompida a ‘calma’ polos asasinatos de mulleres. Quer dicer, pasamos de reivindicar dereitos a ter que clamar pola vida. Un grande avanzo. O foco sobre os asasinatos de mulleres, realizados a maior parte das veces por asasinos da familia, non deixa observar as contradicións existentes entre os feitos e as proclamas. Bo é que aínda anda por aí un fascista polaco coa sorte de ter un grupo de delincuentes en potencia que tiveron a ben votalo para o Parlamento Europeo: grazas a el sacudimos a mormeira social que nos invade. Para vincular machismo e violencia observemos que nas declaracións de señor Korwinn-Mikke aparecemos as mulleres como pequenas e débiles, é dicer, susceptíbeis de ser abatidas pola forza dun macho adestrado no exercicio da potencia física.

Vémonos, porén, na obriga non só de continuar na loita diaria e privada senón na pública e política, e declarar, polo tanto, a necesidade do feminismo e do combate político até que desapareza a discriminación, o sometemento, e mais a violencia de xénero.

Ser feminista non é unha postura, non é unha ideoloxía, non é unha escolla política: é unha necesidade que temos as mulleres nesta sociedade para poder sobreviver como seres humanos dotados de dignidade. É unha necesidade para nos relacionar en termos de igualdade cos varóns que foron ‘adornados’ historicamente -o que quer dicer de forma continxente- con dereitos superiores aos das mulleres. Ao mesmo tempo, é unha necesidade socio-política: consideramos que ademais de loitar polos nosos dereitos e para acadar o teito do noso desenvolvemento humano somos colaboradoras necesarias do progreso da humanidade. Renunciar a esa loita diaria é declinar do noso deber como seres humanos de lograr as cotas de desenvolvemento humano que veñen inscritas no noso ser tanto animal como social.

É bon denunciar as desigualdades porque ao derrubalas –pouco a pouco– ha mellorar o benestar humano

Celebrar o Día Internacional da Muller serve para lembrar non só as miñas conxéneres polo feito de selo, senón a cantidade de dor, violencia inútil, morte, crueldade atroz, en fin, inxustiza, que soportou e soporta unha parte da humanidade para que outro segmento viva mellor, uns en termos relativos e outros absolutos.  É bon denunciar as desigualdades porque ao derrubalas –pouco a pouco– ha mellorar o benestar humano. Da desigualdade de oportunidades só se deriva máis desigualdade. Da desigualdade salarial só se xera frustración por un lado, pior vida para as mulleres e pensamento de superioridade inútil -pero violenta- para os varóns. Da desigualdade de soños a facer coa nosa vida só pode nacer unha humanidade truncada pola metade na súa capacidade de se proxectar cara ao futuro. Dunha sociedade que maltrata as mulleres só se vai desprender maltrato ao xénero humano. É imposíbel pensar en algo parecido á democracia nunha sociedade untada de machismo en case todas as manifestacións da vida social.

Comentarios