O Couto Mixto converteuse no epicentro da memoria da fronteira luso-galaica

Luís M. García Mañá. / Mundiario
Luís M. García Mañá. / Mundiario

Os habitantes dos pobos do territorio histórico do Couto Mixto tiñan o privilexio de escolleren a nacionalidade portuguesa ou galega no día do seu casamento.

O Couto Mixto converteuse no epicentro da memoria da fronteira luso-galaica

Os habitantes dos pobos do territorio histórico do Couto Mixto tiñan o privilexio de escolleren a nacionalidade portuguesa ou galega no día do seu casamento.

 

Cando visitamos por  primeira vez  o Couto Mixto, territorio histórico formado polas parroquias de Santiago, Rubiás e Meaus –as dúas primeiras pertencentes ao Concello de Calvos de Randín e a última a Baltar- apenas podíamos imaxinar que estabamos a percorrer camiños e aldeas dunha entidade local con personalidade de seu ata o punto de teren dereitos e privilexios especiais.

Os seus veciños estaban exentos de prestaren o servizo militar; tiñan dereito de asilo que prohibía ás xustizas portuguesa e española prender nos límites do  Couto aos que ali se refuxiasen. Elixían cada catro anos unha autoridade que era ao tempo gobernativa e xudicial cun sistema electoral universal e democrático. Os habitantes deses pobos  tiñan o privilexio de escolleren a nacionalidade portuguesa ou galega no día do casamento. Os que querían ser portugueses bebían un vaso de viño na honra do rei de Portugal e mandaban gravar na casa da morada un P (Portugal); os que preferían a nacionalidade española brindaban polo monarca de España e gravaban un G (Galicia) na casa onde ían vivir.

Joâo Gonçalves da Costa é autor dunha obra publicada en 1968 titulada “Montalegre e Terras de Barroso”  na que inclúe unhas notas históricas sobre as características da organización política e xudicial do Couto Mixto. Pero foi Luís M. García Mañá quen máis e mellor afondou con rigor en todas elas en “Couto Mixto. Unha república esquecida”, varias veces reeditada.

Esta obra foi o punto de partida para constituírmos a Asociación de Amigos do Couto Mixto, que durante os últimos quince anos traballou arreo para exhumar a memoria colectiva dun pobo e das súas institucións. Axiña foise creando un corpus documental  histórico e literario que tivo nos medios audiovisuais o apoio necesario para proxectar ao mundo a historia de tan peculiar territorio. Pódese comprobar tal aserto buscando información nos buscadores de internet para atopar centos de referencias.

Esta poderosa forza creadora  foi a que motivou que varias instancias parlamentarias se preocupasen pola existencia deste territorio histórico instando aos gobernos español e galego para artellar políticas encamiñadas a poñer  remedio ao subdesenvolvemento económico que tollen eses pobos.

Coa finalidade de procurarmos valedores para esas terras a Asociación de Amigos do Couto Mixto creou os nomeamentos de Xuíces Honorarios destinados a recoñecer a persoas e institucións que se teñan distinguido polas súas iniciativas a prol dos pobos arraianos.

O próximo día 4 de xullo, ás 12:00 horas, celebrarase o tradicional acto de investidura dos nos novos Xuíces Honorarios en Santiago de Rubiás. Recibirán bastóns de mando e réplicas das chaves do arcón do Couto Mixto a Alcaldesa de Tomiño, Presidente da Cámara Municipal de Vilanova da Cerveira, José Lamela Bautista e Concepción Sanz Ferreiro.  O Gaiteiros da Raia serán nomeados Vigairos.

A empresa de transporte público Autos Perdíz súmase aos actos  coa rotulación de dous autobuses cos nomes de Couto Mixto e Luís Soto, na memoria daquel mestre republicano que tivo que fuxir por Tourém camiño do exilio. Será un día de festa grande, que rematará coma sempre cun xantar popular.

Comentarios