O éxito e o desencanto rexistrados na primeira transición política española

Felipe González y Adolfo Suárez. / Marisa Flórez en El País
Adolfo Suárez (d) con Felipe González.

A morte de Franco marcou un punto de inflexión. As cousas non eran como pensabamos. Os esforzos entregados e a represión padecida non tiveron as contrapartidas soñadas: así naceu o desencanto.

O éxito e o desencanto rexistrados na primeira transición política española

Cando se cumpren 40 anos daquel 20 de Novembro de 1975 caben varias alternativas para celebrar esa redonda cifra conmemorativa. Poden realizarse novas aportacións ao catálogo de análises históricas do período que naceu coa sublevación militar encabezada por Franco no ano 1936. Caben, tamén, relatos singulares que combinen as experiencias persoais coas inevitábeis referenciais ao cadro político-social vixente na España franquista.

A miña particular traxectoria vital colócame, obviamente, na segunda das opcións sinaladas. Formei parte dunha desas organizacións que naceron nos últimos anos do franquismo e que representaron a vontade militante dun sector da mocidade que desexaba o remate da ditadura e o cambio radical das relacións económicas e sociais vixente no Estado español nos anos 60 e 70 do pasado século.Inspirados na resaca do Maio de 1968 e de moitas outras loitas liberadoras que percorrían o mundo, pretendiamos facer a revolución sen ter un coñecemento suficientemente contrastado a respecto do corpo social a quen nos dirixiamos para conseguir a súa complicidade activa.

A morte de Franco marcou un punto de inflexión.Alimentou a enerxía para conseguir unha boa parte do que tiña motivado o compromiso militante adoptado previamente. Poren, abriu a porta ao choque traumático entre os plans construídos na loita clandestina e a realidade dun panorama social que ficou retratado nas eleccións xerais de xuño de 1977 e confirmado nos comicios de 1979. As cousas non eran como pensabamos. Os esforzos entregados e a represión padecida non tiveron as contrapartidas soñadas. O desencanto pasou a formar parte dos sinais de identidade do universo humano que tiña participado na primeira liña da confrontación co réxime da ditadura.

O golpismo militar exhibido o 23 de Febreiro de 1981 e o espectacular triunfo electoral do PSOE no outono de 1982 supuxeron un final da transición posfranquista pouco apto para aquelas persoas que desexabamos instaurar un sistema democrático de moita maior calidade. A chegada de Felipe González á Moncloa marcaba definitivamente os limites do cambio iniciado no ano 1976 e certificaba, ademais, o forte desprazamento sufrido por todas as opcións que, habitando no campo da esquerda, non compartiamos o pensamento e a práctica dominantes no Partido Socialista.

O paso do tempo permitiu construír unha explicación acaída do éxito da chamada transición política española (e, xa que logo, do fracaso da creba democrática invocada nos idearios da oposición antifranquista). A chave foi a concorrencia de dous factores decisivos:as importantes renuncias programáticas asumidas polos dirixentes do PCE e do PSOE e a inexistencia dunha forza social capaz de manter a perspectiva rupturista con certas garantías de éxito. O medo a unha repetición da dinámica de confrontación vivida entre 1936 e 1939 facilitou o pacto entre UCD, PCE e Partido Socialista e propiciou o consenso básico cristalizado na Constitución de 1978.

Cando hoxe se fala de levar adiante unha segunda transición resulta evidente a grande indeterminación que se agacha debaixo de semellante proposición. Para quen fomos derrotados hai agora 40 anos, postular o cambio do esqueleto constitucional ten un significado substancialmente diferente ao que propón, por exemplo, Albert Rivera. Os vindeiros meses definirán a envergadura dos apoios políticos e sociais das distintas propostas que están alimentando unha boa parte do debate político actual.

Comentarios