O Xulgado de A Fonsagra leva 25 anos desenvolvendo as súas actuacións en galego

Casa do Concello de A Fonsagrada, en Lugo.
Casa do Concello de A Fonsagrada, en Lugo.

Na galeguización da Administración de Xustiza é decisiva a implicación dos  avogados que actúan representando ás administracións públicas, salienta este autor. 

O Xulgado de A Fonsagra leva 25 anos desenvolvendo as súas actuacións en galego

Na galeguización da Administración de Xustiza é decisiva a implicación dos  avogados que actúan representando ás administracións públicas, salienta este autor. 

 

Desde hai vintecinco anos o xulgado de A Fonsagrada vén realizando a súa actividade xurisdicional en lingua galega. Un  período tan dilatado no tempo recoñécelle a consideración de experiencia piloto de galeguidade xudicial sen precedentes. Os seus protagonistas foron xuíces e funcionarios que prestaron durante este tempo os seus servizos  na oficina xudicial.  Comezou esta andaina  no ano 1990  co xuíz Xoán Montes, continuada posteriormente polos sucesivos titulares: Alberto Benéitez Antón, que malia ser vasco  axiña aprendeu a escribir e falar no noso idioma; Luís Villares Naveira e Eladio Prieto Bellas, que  é o xuíz actual. Estes son os funcionarios e funcionarias que fixeron posible este modelo: Concepción Couso, Marisa Fernández Camiña, Antonio López Valledor, Ana.Ferreiro Paredes e  Ángeles Pernas. Todos eles pertencentes á Irmandade Xurídica Galega.Parabéns polo seu labor.

Como vintecinco anos dan para moito, a nota máis significativa é a naturalidade conque funcionarios e xustizables se relacionaron en  lingua galega. O exemplo contario protagonízano a inmensa maioría dos avogados que aínda non son quen de recoñeceren o réxime da cooficialidade lingüística. En todos estes anos non se  rexistrou  ningunha nota negativa que puidese cuestionar  esta experiencia que hoxe é un modelo para exportar ao resto da organización xudicial en Galicia. Que máis sosegada normalidade se pode pedir que non sexa extrapolable?.

O exemplo do Xulgado de A Fonsagrada ten forza de seu para  multiplicar as experiencias pilotos no mapa xudicial de Galicia tal e como propoñía  o ano na  asemblea da Irmandade Xurídica Galega o fiscal Carlos Varela García. Sobrarían xuíces  e funcionarios dispostos a se embarcaren no deseño deste proxecto galeguizador. O único que falta é vontade institucional para  poñelo en marcha.

Nas orixes deste proceso de galeguidade xudicial rexístranse os nomes dos xuíces e fiscais precursores da normalización lingüística na Administración de Xustiza: Daniel García Ramos, Orencio Pérez González, Luciano Varela Castro, Xosé Xoán Barreiro Prado, Fernando Leiceaga, Carlos Varela, Benito Montero Prego, e os maxistrados da Sala do Contencioso-Administrativo da Audiencia Territorial da Coruña Ricardo Leirós Freire, Claudio Movilla Álvarez e Gonzalo de la Huerga Fiudalgo, que foron os que ditaron  a primeira sentenza en lingua galega en 1985.

Na galeguización da Administración de Xustiza é decisiva a implicación dos  avogados que actúan representando ás administracións públicas. Neste sentido a Irmandade Xurídica Galega fixo algunhas propostas para incorporar a este proceso regaleguizador a un maior número deles. A última  é a que se lles propón ás centrais sindicais galegas  para que as súas asesorías xurídicas se impliquen  na utilización da lingua galega nos procedementos procesuais, ao tempo que introduzan nas demandas a invocación do art. 7.4 da Lei de Normalización Lingüística solicitando que os órganos xurisdicionais  diten sentanzas en lingua galega.

 

Comentarios