Cantas nazóns hai no Estado español?

Manifestación independentista en Galicia. / Xurxo Lobato
Manifestación independentista en Galiza. / Xurxo Lobato

Un bon feixe de cataláns non queren seguir convivendo co actual Estado español da mesma maneira que estiveron até agora, e o único que lle queda ao Estado –fóra de submetelos pola forza– é pórse a negociar outras bases de convivencia.

Cantas nazóns hai no Estado español?

Hai uns días perguntáronlle en roda de prensa a Pedro Sánchez cantas nazóns hai en España e dixo: “todas as nazóns son España”. Gostoume a resposta, non por inxeniosa, senón por pseudogalega, ao estilo “non rioxano” de Mariano Rajoy, do que xa sabemos que a súa galeguidade é por contratipo “non rioxana”.

Atribuírlle á España a titularidade de todas as nazóns quizabes que sexa algo inclusivo demais, porque “todas” pode querer dicer todas as do mundo, todas as da Península Ibérica, todas as europeas…, todas é moito.

Como polo lado do partido da alternancia de esquerdas é así a definición, e polo lado do partido no goberno teñen un mantra que se formula con “a lei é a lei” imos tratar este tema de maneira algo aclarativa.

Facendo uso da cabeza para pensar de maneira libre, deume en chegar a conclusión de que Galiza é unha nazón é que se trata dunha realidade material/histórica por riba e por fóra da vontade de quen teña a ben mirar para ela

Facendo uso da cabeza para pensar de maneira libre, deume en chegar a conclusión de que Galiza é unha nazón é que se trata dunha realidade material/histórica por riba e por fóra da vontade de quen teña a ben mirar para ela. É unha realidade da mesma natureza de os negros seren seres humanos iguais aos brancos, as mulleres sermos seres humanos iguais aos homes, os pobos seren todos suxeitos do dereito de se autodeterminaren…; as montañas existen aínda que non miremos para elas, as montañas poden ser ascendidas mesmo a pé sen necesidade de medios técnicos; a terra xira arredor do sol aínda que fose negado pola Inquisición…; é dicer, o que é, é, e ademais non ten remedio.

Cando a estas alturas da historia se pode converter en obxecto de loita política algo xa resolvido polo dereito internacional e polas lexislacións doutros Estados nos que conviven harmoniosa e pacificamente varias nazóns, resulta dobremente penoso que aquí se teña convertido en problema o que ten solución fácil: só é preciso ter vontade humana, é dicer, vontade política de chegar cumpridamente a un bon entendemento de convivencia.

Non se pode entender qué ben superior dimanante de beneficios en forma de dons se poidan derivar da sagrada unidade de España como se dunha ordenación protohistórica (quérese dicer anterior á historia) se tratar.

A convivencia é un acordo entre partícipes nesa convivencia: trátese de dous ou máis intervinientes. O que resulta meridianamente claro de entender para nos é que non pode haber boa convivencia á forza, mesmo estando en posesión de fortes e poderosas razóns e/ou intereses. Sexan esas legais, políticas, militares, económicas ou financeiras.

Hai un feito evidente na nosa realidade: un bon feixe de cataláns non queren seguir convivendo co actual Estado español da mesma maneira que estiveron até agora, e o único que lle queda ao Estado –fóra de submetelos pola forza– é pórse a negociar outras bases de convivencia e de acordo para compartir as regras do convivio futuro.

Non hai que dar nengún brazo a torcer porque os cataláns non nolo teñen agarrado. Só era cuestión de acordos, cuestión de falar.

Comentarios