Un 25 de Xullo diferente que alimenta expectativas para as eleccións xerais en Galicia

Día da Patria Galega 2015. / Xurxo Lobato
Día da Patria Galega 2015. / Xurxo Lobato

O BNG adoptou unha decisión inédita: no canto de buscar prioritariamente a delimitación dun perfil político diferenciado apostou por facilitar a consecución dun punto de encontro.

Un 25 de Xullo diferente que alimenta expectativas para as eleccións xerais en Galicia

O BNG adoptou unha decisión inédita: no canto de buscar prioritariamente a delimitación dun perfil político diferenciado apostou por facilitar a consecución dun punto de encontro.

Aínda que resultou evidente que o Día da Patria deste 2015 mobilizou un maior número de persoas que en ocasións precedentes, a principal transcendencia do acontecido radicou na especificidade da convocatoria. Por primeira vez dende 1982, o formato experimentou unha modificación substantiva:no canto de ser un chamamento exclusivo do BNG (coas lóxicas consecuencias que se derivaban na plasmación do propio desenvolvemento da manifestación e no acto final da Quintana) houbo agora unha comisión de persoas que promoveron un manifesto para convidar ás persoas e organizacións que compartisen esta nova iniciativa.

Este cambio tan relevante tivo a súa orixe causal no conxunto de circunstancias que concorren na conxuntura política actual e, singularmente, nas variacións rexistradas na recente cita electoral do 24 de Maio e nas expectativas criadas ao fío dos vindeiros comicios xerais. En calquera caso, é de xustiza constatar que, entre os grupos políticos que propiciaron a viabilidade deste “novo” 25 de Xullo, o BNG fixo unha aportación decisiva renunciando ao papel hexemónico que viña xogando nas mobilizacións que se rexistraban nesta data.

A dirección do BNG adoptou –nun evento tan cargado de referencias simbólicas como o Día da Patria- unha decisión inédita:no canto de buscar prioritariamente a delimitación dun perfil político diferenciado no seo do universo nacionalista –aproveitando a súa fortaleza organizativa e a superioridade da súa capacidade mobilizadora- apostou por facilitar a consecución dun punto de encontro entre todas as organizacións e persoas que non aceitan o actual estatus político da nación galega.

O reencontro vivido nas rúas de Compostela entre aquelas persoas que nos últimos anos non tiveran ocasión de compartir o denominador común que ofrecían, nesta ocasión, os convocantes da marcha,alimentou novas ilusións e xerou unhas expectativas que deberán ser administradas no inmediato futuro cunha adecuada combinación de realismo e xenerosidade. Enriba da mesa están dous obxectivos desexábeis:a conformación dunha candidatura galega unitaria para as Cortes do Estado e a posibilidade dunha recomposición do nacionalismo organizado.Poren, non se debe utilizar unha lóxica discursiva que vincule automaticamente semellantes pretensións, descoñecendo que teñen prazos temporais diferentes e que requiren acción singulares adaptadas á complexidade específica de cada unha delas.

Ao remate do acto, Xurxo Souto citou aos presentes para o ano que ven.Veremos se hai afinidades e complicidades suficientes para facer realidade semellante desexo.

Comentarios