É separábel o Banco Pastor para que sexa de novo unha entidade galega?

Sede del Banco Pastor, en A Coruña.
Sede del Banco Pastor na Coruña.

En Galiza non só pode facer o labor de recoller aforros en ‘cartillas’ senón cumprir o seu papel de financiamento das empresas proprias do país que, por tamaño e especificidade, non atoparán outras fontes.

É separábel o Banco Pastor para que sexa de novo unha entidade galega?

Ás veces temos ideas, que non han valer para nada, porque non son contestación de nengunha pergunta, pero no cimo da humildade soberbiosa (en palabras de autoría de Quico Cadaval) podémonos permitir escribir sobre elas.

É un bon momento financeiro de recuperar para a Galiza unha entidade bancaria que nunca debeu saír de aquí. Cando o Banco Pastor foi vendido (ou engolido) polo Popular, culminábase un proceso de desaparecemento de tecido financeiro con orixe, estabelecemento e fondos galegos. E –-o que era mais significativo desde a perspectiva económica de futuro–  unha entidade bancaria con vocación e vínculo coa economía galega. Sen Caixas proprias, sen banca pública propria e no medio da tormenta financeira do período máis negro da crise, a venda do Pastor significaba a perda do último elo dunha cadea económica imprescindíbel no plano financeiro para contribuír ao crecemento económico do tecido industrial e comercial da economía do país. O Banco Pastor goza –na Galiza– dunhas avantaxes herdadas dun pasado moito máis brillante que o presente, e que o converten en intermediario idóneo dunha economía tan diversa e necesitada do coñecemento proprio da proximidade e a confianza. Se, ademais, conta cunha ampla rede de oficinas que cobren o noso disperso hábitat, reúne case todas as condicións para cumprir o esperado papel dunha entidade financeira ao servizo da economía real. Tanto é así que, coa nova dirección do Popular, logo dun tempo de dúbidas, acordouse manter aquí marca, ‘logo’ e símbolos pola evidente constatación das necesidades do negocio.

O que non sucedeu, non obstante, foi que a inspiración chegase a conseguir unha boa xestión precisa para levar a bon porto banco pequeno absorbido e banco grande absorbedor.

Agora, porén, e vista a situación presente (venda do Popular) e as nosas necesidades como economía, apontamos a nosa idea: propomos que os accionistas  minoritarios –é dicer, os non Popular–  compren o Banco Pastor segmentado do ofertado Popular que parece non querer ninguén.  É separábel, como xa o foi a antiga financeira do Pastor, e en Galiza non só pode facer o labor de recoller aforros en ‘cartillas’ senón cumprir o seu papel de financiamento das empresas proprias do país que, por tamaño e especificidade, non atoparán outras fontes. Pode mesmo renovar a titularidade e o rol social da Fundación Barrié, pode mesmo nos servir para nun futuro, en colaboración con Abanca, de financeiro da actividade económica propria, quer dicer, de empresas con postos de traballo no país e non compañías aéreas para levar emigrantes. Hai posibilidades reais de que, cunha acción positiva de política económica galega, os antigos accionistas galegos compren un anaco do Popular equivalente ao vello Pastor. É evidente que Abanca, xunto con Añón, Amancio Ortega e a Fundación Barrié, poden levar a cabo unha compra a moi bon prezo e volver retomar a historia da banca galega no gris escuro (por non dicer negro) capítulo no que nos deixou. O señor Escotet pode colocar na Galiza, e nun negocio coñecido, parte dos beneficios realizados no noso país.

Comentarios