En Galicia non hai política de prevención do lume

Madera en un aserradero. / Mundiario
Madeira cortada nun aserradeiro. / Mundiario

A Galicia do mar chora coa da terra. Sempre van xuntas, xa que o labrego tamén foi pescador e mariscador. E berran xuntas contra o lume mentres os montes seguen sen limpar.

En Galicia non hai política de prevención do lume

A dos anos 50 do século pasado era unha Galicia pobre. Pero igual de solidaria ca Galicia de hoxe. Unha Galicia pobre que, por carecer de terras de labradío, prantaba trigo no monte. Este tiña que ser desbrozado previamente. Cavábase coa picaraña en longas xornadas que obrigaban ós labregos a xantar o que podían no monte. Arrincábase o toxo e queimábase este xunto cos terróns do chan. O lume, perfectamente controlado, nunca prendía nos arredores e os troncos dos altos toxos eran cádavos que daban bo lume para os fornos e mesmo as lareiras nas que se cocían, xunto coas comidas das persoas, as encaldadas das vacas e os porcos. 

Era unha Galicia choviñenta de regatos cheos, de ríos poucas veces secos, de menos eucaliptos e pinos e, sobre todo, de montes limpos, desbrozados, sen matogueiras nas que, por un descoido, poidese prender o lume. Un monte sen mato porque o toxo e a felga que medraba neles era aproveitada polos seus propietarios para estrar as cortes do gando e facer así, xunto cos escrementos procedentes del, o esterco que posteriormente serviría de abono natural para a prantación de patacas, fabas, melóns, millo, trigo, centeo, avea, repolo, verza... Unha terra ricaz, que aínda descoñecía o sulfato amónico para abonar, afeita ó paso cada quincena –máis ou menos– da parella da garda civil que solicitaba casa cuberta na que pasar a noite.

Aquela Galicia nada ou case que nada ten que ver coa de hoxe, unha Galicia de montes mouros queimada sen necesidade e sen que se saiba con que obxectivo. Unha Galicia de globos de helio guindados probablemente dende un artefacto voador –un dron?– por xente que tira proveito do acontecemento, xaquelogo sempre hai quen gaña co lume. Porque o lume no monte sempre é un negocio para alguén. Descoñezo quen, pero estou moi seguro de que hai rendibilidade no feito. Agora "lume nunca máis". Con Galicia QUEIMADA. Con montes dos que as cinsas baixarán, por mor da choiva, ós ríos e destes ás praias para afogar as ameixas e berberechos. A Galicia do mar chora coa da terra. Sempre van xuntas, xa que o labrego tamén foi pescador e mariscador. E berran xuntas contra o lume mentres os montes seguen sen limpar. Nen polos propietarios, nen polas institucións, afeitas como están estas a que as brigadas que se conforman só en verán sirvan exclusivamente para loitar –cando poden– contra o lume, nunca para prevelo.

Non hai unha política de prevención, que era a que practicaban os labregos de vai 60 ou 70 anos cando convertían o toxo e as felgas en batume e este en abono.

E, haberá que ollar e aprender do pasado, amáis de castigar axeitamente ós queimamontes?.

Aprender no é doado-. E menos ainda se non interesa.

Comentarios