Do recibo da luz, o 40% vaise en subvencións ás compañías que producen e distribúen electricidade

Tendido eléctrico.
Tendido eléctrico.

Os consumidores domésticos pagamos unha tarifa eléctrica moito máis alta que a media europea, e como contraparte as industrias en España, aqueles que se denominan grandes consumidores, pagan pola electricidade menos que a media europea.

Do recibo da luz, o 40% vaise en subvencións ás compañías que producen e distribúen electricidade

Máis unha vez, escandalizámonos do prezo da electricidade para os consumidores domésticos, agora mancados polas declaracións para ignorantes do Sr. Ministro do ramo: dixo que iría ver se aumenta a oferta para que baixe o prezo. Dado que estamos no inverno –evidencia, non novidade–, que adoita facer frío, que é normal consumir máis electricidade, e que os consumidores de menor renda sofren moito máis agudamente as evolucións á alza dos prezos dun ben de primeira necesidade, vémonos na obriga de tratar de novo o tema da inxustiza relativa soportada co pagamento de cada recibo de electricidade.

Para empezar por un principio, dáse o caso de que en España hai un sistema de tarifas da enerxía eléctrica únicas. Que foron únicas desde a Guerra Civil, considerando uniforme o espazo de soporte da xeración de electricidade e, polo tanto, uniforme o soporte dos costes sociais e medioambientais dese proceso de produción. Tamén foi considerada uniforme a distribución así como o reparto dos custos asociados á mesma.

Hoxe en día, pasados uns cantos ciclos políticos desde aquel entón, segue sendo igual de uniforme todo o que atinxe ao cobro do consumo de enerxía eléctrica no ámbito dos consumidores domésticos, pero completamente asimétrico no tocante a un ben social (á vez que obxectivo político) que se chama xustiza distributiva.

Os consumidores domésticos españois, e por inclusión a fortiori os galegos, pagamos unha tarifa eléctrica moito máis alta que a media europea, e como contraparte as industrias en España, aqueles que se denominan grandes consumidores, pagan pola electricidade menos que a media europea.

Nas componentes do recibo doméstico da electricidade, relembramos que un 65% do pagado é para impostos e pagamento dos chamados incentivos que son o prorrateo das subvencións ás industrias produtoras e distribuidoras

Seguindo co noso desabafo, nas componentes do recibo doméstico da electricidade, relembramos que un 65% do pagado é para impostos e pagamento dos chamados incentivos que son o prorrateo das subvencións ás industrias produtoras e distribuidoras: é dicer, do que pagamos só é o 35% atribuíbel ao gasto en consumo de electricidade e, polo tanto, o posíbel aforro no gasto doméstico é unha ilusión, porque o ‘xenio’ que deseñou as tarifas compuxo o asunto de forma que os ingresos de eléctricas e distribuidoras gozase permanentemente dunha base fixa garantizada. Quer dicer, algúns son tan imprescindíbeis que lles pagan un incentivo só por estar presentes: non é pouca cousa: 500 millóns de euros... Si, neste  caso, hai compañías eléctricas que reciben un diñeiro público, cada ano, polo simples feito de existiren, no entendemento de que se fai falla elas van proporcionar electricidade. Sáenos moito máis barato ter empresas públicas do ramo. Tamén hai subvencións, que neste caso chámanlle incentivos, ás renovábeis, incentivos (subvencións) ao carbón, incentivos (subvencións) á distribución, e o chamado bono social que é unha subvención ás compañías así como outro incentivo que xa citamos ou garantía de subministración.

Resumindo: do recibo que nós pagamos, o 40% vaise en subvencións ás compañías que producen e distribúen electricidade. Era isto a libre competencia? Ou estamos equivocados os que defendemos un sector público produtor e distribuidor dun ben básico como é a enerxía? Mesmo con empresas privadas subvencionadas hai métodos menos inxustos de reparto do uso dos fondos públicos.

Comentarios