Auga e industria: catro industrias consumen tanta auga como A Coruña e Vigo xuntas

La refinería de Repsol con A Coruña al fondo. / Xurxo Lobato
A refinería de Repsol coa cidade de A Coruña ao fondo. / Xurxo Lobato

A gran industria e especialmente as multinacionais son altamente consumidoras de materias primas, entre elas a auga e salvo excepcións non fixeron o mínimo esforzo por diminuír o seu alto consumo.

Auga e industria: catro industrias consumen tanta auga como A Coruña e Vigo xuntas

Ante a situación de seca que vivimos, dende a administración esixen que as industrias  reduzan o 20% do seu consumo de auga. Pero podemos preguntarnos ¿teñen as grandes industrias un alto consumo de auga? ¿ Fixeron algo nestes últimos anos por reducir o consumo? ¿A administración ten preocupación polo cambio climático ou só se lembra da auga en épocas de seca?.

Vexamos, días pasados aparecen publicados no Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes (PRTR)   algúns datos de consumo de auga de  empresas correspondentes ao ano 2016 , asi destacamos:

1. As centrais térmicas de As Pontes (Endesa) e Meirama  (Gas Natural Fenosa) son grandes consumidores de auga con 20.868.962 metros cúbicos/ano (m3/ano) no primeiro caso e  4.152.968 m3/ano no segundo. Estes valores son equivalentes a perto da quinta parte de toda a auga que se consume nos fogares galegos ao longo do ano.

2. Son tamén importantes consumidoras de auga a industria de refino de petróleo, a industria do aluminio e ferroaliaxes, a transformación láctea, a conserva de peixe, a industria química... Así a Refinería de Petróleo da Coruña (Repsol) consume 1.707.832 m3/ano. Bioetanol Galicia  de Curtis  648.053 m3/año. A central de Ciclo Combinado de As Pontes consume 483.826 m3/ano. Leche Celta de Pontedeume  necesita  349.985 m3/ano. Conservas Escuris da Pobra do Caramiña 166.945 m3/ano. NovaFrigsa  de Lugo 229.164 m3/ano.  Foresa de Caldas de Reis  165.500 m3/ano. Finsa-Orember de Ourense 203.305 m3/ano... Descoñecemos porque non ofrecen información no Rexistro PRTR os consumos de  outras grandes e coñecidas industrias como Alumina, Aluminio, Alcoa, Ferroatlántica de Sabón e Dumbría, PSA-Citroën, Puleva, Megasa, SGL, Tablicia,...

3. Moitas veces  as industrias  que non declaran consumos de auga na información no PRTR,  curiosamente declárano en Informes públicos Anuais, Medioambientais  ou de xestión como sucede con ENCE ou Ferroatlántica de Cee. ENCE de Pontevedra ofrece  cifras de consumo de  13.850.804 m3/ano para o ano pasado, volume de auga que chegaría para abastecer a unha poboación de 294.166 habitantes é dicir unha poboación que sería tres veces e media a poboación da cidade Pontevedra. Curiosamente o consumo de auga en ENCE aumentou nos últimos anos.  Ferroatlantica de Cee realiza un consumo de 207.277 m3/ano, cantidade que pode abastecer varios meses a vila de Cee...

4. Pero non só é importante a auga que consumen as industrias senón tamén a auga de vertido. No PRTR parece que é opcional declarar algo tan importante como o consumo de auga ou  os vertidos industriais ou asimilables a urbanos. No Rexistro  constan  vertidos de catorce contaminantes distintos en Galicia aos rios ou o mar   como por exemplo : materia orgánica, partículas, nitróxeno, fósforo, chumbo, arsénico, mercurio, níquel, zinc, cromo, fenois, hidrocarburos aromáticos policíclicos...  Sen dúbida dentro da legalidade estes contaminantes ainda poden ocasionar problemas ambientais serios nos ecosistemas.

Non podemos comparar o consumo de auga industrial en empresas que declaran no PRTR co consumo de auga nos fogares por estar moi incompleta a lista oficial, pero considerando que o INE ofrece como dato para  Galicia un consumo de auga  nos fogares de 128.722.000 m3/ano, con consumo medio diario de 129 litros/habitante e día  ( último ano 2014) , podemos asegurar que catro industrias : A Central Térmica de As Pontes, A Central Térmica de Meirama, Repsol e ENCE  consumen mais auga que as cidades de A Coruña e Vigo xuntas .

Por último contestando as preguntas iniciais  pódese concluír que a gran industria e especialmente as multinacionais son altamente consumidoras de materias primas, entre elas a auga (algunhas por eso viñeron a Galicia)  e salvo excepcións non fixeron o mínimo esforzo por diminuír o alto consumo deste ben cada vez mais escaso, algunha  consume volumes iguais  a  fai 20 anos, e moitas industrias consumen mais, xa sen entrar na despreocupación que teñen  con relación a contaminación que conleva o vertido.

Tampouco parece que exista preocupación nin nos Organismos Europeus, nin no Estado Español, nin no Goberno Galego (a Xunta valida a información PRTR) xa que todos consinten que no Rexistro de Emisións e Fontes Contaminantes as industrias teñan  como “opcional” o dato de consumo e vertido de auga, cando tiña que ser obrigatorio ante a necesidade de elaborar un Plan  que aconselle e/ou mesmo obrigue as industrias a diminuir  a utilización da auga. A administración ten o deber de actuar con transparencia e marcar  as industrias obxectivos claros de diminución progresiva de consumo de auga ante o Cambio Climático, por se mesmas as industrias non o farán, non lles preocupa o medio ambiente.

A administración galega, ante a seca actual, alarmada, preocupase agora para que a industria de golpe e temporalmente reduza o 20% de consumo de auga, trata de sair do paso. Pero non siñificara isto unha falta de previsión desinterés e de goberno.

Comentarios