A política forestal é favorabel ao eucalipto: de non selo estancaríase

Eucaliptos. / BBC
Eucaliptos. / BBC

É alarmante como en zonas antes non afectadas polo eucalipto hoxe comece unha lenta presenza, mesmo despois de incendios, co afán aloucado de repoboar inmediatamente. Hai eucaliptos non só na Galiza atlántica senón tamén en lugares onde só houbo prados, monte baixo ou cereal de montaña.

A política forestal é favorabel ao eucalipto: de non selo estancaríase

Aproximámonos ao asunto da eucaliptización do noso chan útil, e recebín comentarios con dúbidas a respeito do papel do Estado nese proceso. Estado entendido nas súas diferentes formas: Administración central, Comunidade Europea, Deputacións, Concellos ou calquer outra posíbel.

Eu defendo que o Estado xogou a favor da implantación prioritaria do eucalipto, frente a outras posibilidades, e, porén, comprobo que non hai esa percepción socialmente falando, nen individualmente, mesmo por quen ten un eucaliptal e recebe rendas da madeira.

O papel do Estado na economía dun país occidental, polo tanto de capitalismo maduro, é orgánico ao proceso de crecemento económico: o Estado forma parte de xeito orgánico (o mesmo que o sangue no noso organismo) das relacións económicas. Nen no soño (ou pesadelo) ultraliberal de calquer militante do mesmo, que nos veña visitar en forma de gobernante, ocorreu que poida pensar en prescindir do Estado.

Os ultra e os liberais defenden un Estado que faga o que lles conveña á súa posición como clase social dominante. Os liberais non son anarquistas (cero Estado); son partidarios dun Estado de conveniencia para os seus intereses. Lembremos a intervención decidida do Estado USA para frear a sangría financeira da crise económica, e tamén levar a termo un programa keynesiano de intervención económica coa mesma finalidade. Esta política recebeu o apoio dos republicanos -recalcitrantes anti-intervención estatal-  e que se corresponden  en Europa cos denominados liberais.

É imposíbel, aquí e agora, demostrar con cifras en euros, as achegas estatais con destino directo á promoción do eucalipto. Precisaríamos destinar tempo e recursos de todo tipo para levar a cabo unha investigación. Hai un painel de medidas destinadas á promoción desa árbore na nova forestación, na ocupación de novas terras, e ao mantenemento das industrias directamente conectadas co destino pasta de papel. As fontes de análise son numerosísimas, mudan período a período, son dispersas, e as memorias públicas do seu uso e resultados, inexistentes.  Mesmo as asociacións de empresas forestais quéixanse de que os Plans Forestais non se cumpren. Hai, non obstante, evidencias indirectas que permiten manter con total seguridade a existencia de apoio público ao eucalipto: nos últimos 30 anos estímase que a superficie dedicada a eucalipto multiplicouse por 1,5, superando á dedicada ás especies frondosas proprias do país e ás coniferas.

Se a presenza do eucalipto e a súa extensión fosen contraindicadas para os plans públicos do uso do chan útil, teríanse tomado medidas legais para impedir o seu avance

É alarmante como en zonas antes non afectadas polo eucalipto hoxe comece unha lenta presenza, mesmo despois de incendios, co afán aloucado de repoboar inmediatamente. Hai eucaliptos non só na Galiza atlántica senón tamén á beira do Pedregal de Irimia, en Arzúa, en Melide…, en lugares onde só houbo prados, monte baixo ou cereal de montaña.

Se a presenza do eucalipto e a súa extensión fosen contraindicadas para os plans públicos do uso do chan útil (forestal ou agrícola), teríanse tomado medidas legais para impedir o seu avance. Quer dicer, a política forestal do Estado (e por inclusión da Xunta) é favorabel ao eucalipto, xa que de non selo a evolución do mesmo sería decrecente ou estancaríase.

Comentarios