Buscar

Lugo, a cidade que pensou, varias veces na historia recente, destruír a muralla

Unha sociedade que renega de si borrando os vestixios do seu pasado primeiro romano, logo cidade episcopal e logo centro dun mundo labrego, botou polo sumidoiro da historia mal asimilada os signos de identidade sobre os que se pode construír o futuro.

Lugo, a cidade que pensou, varias veces na historia recente, destruír a muralla
Muralla de Lugo. / RR SS
Muralla de Lugo. / RR SS

Firma

María do Carme García-Negro

María do Carme García-Negro

Doctora en Ciencias Económicas y Empresariales y profesora del departamento de Economía Aplicada de la Universidad de Santiago de Compostela, donde ocupó los cargos de directora del Centro de Documentación Europea (1990-1994), directora del Grupo de Investigación de Economía Pesquera y directora del Curso de Postgrado Especialización en Economía Pesquera.

O patrimonio é o conxunto de recursos activos e potenciais que posúe unha sociedade como herdanza do pasado sexa histórico, natural, económico e/ou simbólico. O que son os recursos depende de distintas interpretacións unhas solventes e outras so derivadas de  intereses persoais ou de grupo.

Ao meu modo de ver a mais útil é aquela que identifica os recursos en función das necesidades humanas de cada momento histórico: a auga é un recurso universal e imprescindíbel e o petróleo depende da época. Os recursos patrimoniais lucenses son interesantes tanto para vivir nunha cidade que se recoñeza a sí mesma como para ensinar, se se quixer, aos visitantes dispostos a admirar unha cidade singular. Cuestión elemental é non destruílos, asunto probábel se priman intereses particulares que como é sabido anubran a vista: non se aprecia que sexa un recurso un bosque, e mantelo como bosque se o interese de quen fala está directamente vinculado á construción de edificios convertíbeis en ben de negocio mesmo  especulativo.

Observamos que a idea socialmente asentada de patrimonio cultural das cidades ou de sociedades enteiras- falamos da galega- non é comparábel. E, non está moi claro de que depende. A idea cidadá que teñen de si mesmos os parisinos, os romanos, os granadinos, os ovetenses ou os meritenses semella a antítese da que teñen os lucenses. As diferenzas son case abismais: uns están orgullosos do seu pasado representado en cada caso polas pegadas do patrimonio arquitectónico de todo tipo e no caso lucense somos, ou deixamos que nos converteran, en “destroyers” do noso pasado, do que se podería considerar nobre, e, tamén do popular que todo il é pasado e forma parte da nosa identidade.

Unha sociedade que renega de si borrando os vestixios do seu pasado primeiro romano, logo cidade episcopal e logo centro dun mundo labrego, botou polo sumidoiro da historia mal asimilada os signos de identidade sobre os que se pode construír o futuro. Unha cidade que pensou, varias veces na historia recente, destruír a muralla, da pouca conta de si mesma. Xa non citemos o que alá foi, e a curto prazo non ten remedio, desde Barras Eléctricas, aos cines (cinco) e o Gran Teatro, non quedou un nen de mostra.

Non val a pena facer un relatorio de desgrazas, pode  cada quen, reconstruír coa súa memoria aquilo que constitúe o entorno urbano que da sentido ao carácter da cidade, que reiteramos non é conxunto de edificios mais ou menos estilo pecado mortal senón a suma mesmo non harmoniosa deles xunto coa función que cumpren. Dicer que como hai cartos que veñen da Comunidade Europea podo poñerlle unha novas escaleiras á Praza de Abastos ou un sombreiro de cristal á vella cárcel (igual que un babeiro a unha vaca) é deplorábel, semella a conduta daqueles novos ricos ignorantes que como agora teñen cartos(mal habidos)  tiran sistematicamente bens, recursos e vida. Deixemos que fagan de paifocos os que non teñen historia porque, nós debemos estar sabedores e orgullosos da nosa.